A ministra de Medio Ambiente de Suecia e Mosquera analizan como aplicar o modelo Pontevedra ás cidades suecas

23
  • O concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente provincial instou a Karolina Skog a actuar coas ideas claras e valentía para deseñar cidades para as persoas
  • Skog mostrouse moi interesada en que se dese voz ás crianzas no deseño das cidades e á perpectiva de xénero

O concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera e o enxeñeiro xefe do Concello de Pontevedra,  Jesús Gómez Viñas, reuníronse coa ministra sueca de Medio Ambiente Karolina Skog no marco do encontro “Mobilidade e Comportamento” organizado pola asociación sueca Gröna Bilister na cidade de Eskilstuna

Skog coñeceu o traballo feito na cidade de Pontevedra e que a Deputación está estendendo na provincia, e mostrouse sorprendida tanto pola redución do tráfico no núcleo urbano da capital e  polo descenso da sinistralidade así como polo uso dos espazos públicos como lugares de socialización nos que as persoas, principalmente nenas e nenos, son o elemento central das políticas de deseño urbano.

Mosquera e a política sueca intercambiaron impresións sobre a necesidade de que a cidadanía perciba que os espazos son un dereito universal como a educación ou a saúde. Skog louvou a perspectiva de xénero aplicada no modelo pontevedrés e a aposta de incorporar á infancia á hora de planificar urbanísticamente as cidades. Neste sentido, destacou o grande número de escolares que van camiñando sós á escola, un obxectivo que nestes momentos tamén é perseguido por moitas cidades suecas.

Preguntado pola ministra sobre o procedemento aplicado para transformar unha cidade chea de coches  noutra con prioridade para as persoas, o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera instou á política a actuar de xeito global e valente xa que, segundo dixo, “cando a xente ve os beneficios de gozar do espazo publico o éxito do modelo está garantido”. Salvando as distancias e diferencias entre as cidades suecas e as pontevedresas, Skog asegurou que o de Pontevedra é un modelo a seguir e manifestou o seu interese en trasladarse personalmente para e ver in situ o traballo feito.

“Velocidade e calidade urbana son incompatibles”

No seu relatorio César Mosquera explicou que grazas ao traballo feito en Pontevedra aprendéronse varias leccións para aplicar o modelo noutras cidades e vilas. A primeira, dixo, é que as solucións técnicas existentes funcionan ben cando se teñen as ideas claras e os obxectivos

son gobais ; que gañar a cidade para a xente é tan valioso que non necesita máis compensación máis que ese obxectivo en si mesmo; e, finalmente, que a velocidade e a calidade urbana son incompatibles.

Pola súa banda, o voceiro da asociación Grñna Bilister, Martín Prieto, explicou que o congreso de mobilidade no que participan Concello e Deputación baixo o título “Mobilidade e Comportamento”, sempre tivo nas súas edicións anteriores un invitado estranxeiro. ”Buscamos exemplos no mundo e atopamos que a cidade de Pontevedra tiña traballado con esta temática durante moito tempo con resultados exitosos. Aínda que en Suecia en xeral non se coñece Pontevedra, decidimos invitalos e con sorte aceptaron a nosa invitación”, indicou.

Prieto explicou que a ponencia foi moi ben recibida entre o publico e tamén entre os outros relatores que “estaban realmente sorprendidos” polos logros que teñen conseguido en Pontevedra. “Aquí en Suecia trabállase a mesma temática, pero estamos más atrasados con respecto ao que teñen conseguido en Pontevedra”, afirmou, para engadir o interese xeral dos organizadores do congreso por ter a oportunidade de facer unha visita no futuro a Pontevedra porque “pensamos que pode ser un exemplo para aprender”.

“É un lindo recoñecemento –do noso traballo- por vostedes que estean aquí, pero realmente obtiveron unha influencia no debate e nas mesas redondas que se dan nesta conferencia e na sociedade sueca neste momento, que está traballando moito co tema de como manexar a situación urbana, de poñer á xente , aos nenos, no centro e e saír dunha planificación centrada nos automobiles”, finalizou o voceiro de Gröna Bilister.