Pontevedra regresa de Mextrópoli coa intención de convocar un evento internacional sobre urbanismo

10

    • Aínda que non se puido materializar a reunión con empresarios radicados en México sobre as posibilidades hoteleiras, o Concello confía en poder retomar estas conversas ao longo do ano, xa na cidade do Lérez

“O modelo de cidade de Pontevedra abre portas, tanto para explicalo fora da nosa cidade, como para facer lazos económicos e comerciais, que resultarían moi difíciles se non fose pola reforma urbana”. Así concluíu a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, a recente visita do Concello a Ciudad de México para participar en Mextrópoli e asinar un protocolo de colaboración coa Secretaría de Desenvolvemento Económico de Ciudad de México.

Mextrópoli foi o foro “máis grande ao que asistimos para falar da cidade”. O alcalde, ademais de realizar unha intervención ante un público de 2.000 persoas vinculadas á arquitectura e deseño urbano, tamén realizou distintos contactos de cara á celebración dun evento ao longo deste ano, ao que está previsto que asistan persoas de primeiro nivel vinculadas ao urbanismo e a arquitectura para abordar o modelo de Pontevedra.

Seguidamente asinou se un protocolo de colaboración coa Secretaría de Desenvolvemento Económico de Ciudad de México na que ambas administracións se comprometen a cooperar e a ser unha canle de información privilexiada para as empresas con intereses comerciais en ambas cidades.

Anabel Gulías tamén explicou que a viaxe rematou cun certo sabor agridoce porque se tivo que suspender a reunión co Centro Galego polo falecemento dun socio. Naquela visita existía a intención de reunirse cun grupo hoteleiro para coñecer as posibilidades de investimento na cidade.

A pesar de que se tivo que suspender, o Concello quedou emprazado a unha próxima visita que poderán facer os hoteleiros á cidade, para que vexan as posibilidades reais que existen.