Adxudicada a reforma do Local Social de Estribela por 452.000 euros

34
    • A proposta da Mesa de Contratación, que se ratificará en Xunta de Goberno, é a adxudicación a Construcciones Pérez Abilleira, que ofertou 33.000 euros en melloras para mobiliario.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra propuxo esta mañá adxudicar á empresa Construcciones Pérez Abilleira (CPA) a reforma integral do Local Social de Estribela, na parroquia de Lourizán. O prezo de licitación era de 545.521,32 euros, e foi adxudicada por 452.182 euros.

O prazo de execución da obra é de seis meses (debera estar rematada no mes de outubro) e a empresa ofreceu melloras en mobiliario valoradas en 33.000 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobará o vindeiro luns esta adxudicación.

O novo Centro Social de Lourizán é o antigo mercado de Estribela que está pechado agás un espazo que ocupa a concesión dunha carnicería. Dispón de dous andares: a planta baixa empregarase para usos específicos e menos diarios como conferencias, proxeccións, exposicións… Créase unha sala de 130 metros cadrados que se fai accesíbel dende o exterior creando un vestíbulo de entrada. Disporá de zona de almacén, aseos e dun office que poderá servir para facer cursos de cociña, por exemplo.

Esta planta é totalmente independente do segundo andar que ten o seu acceso directo dende a parte de atrás do edificio. Esta segunda planta ten unha superficie de 372 metros cadrados para almacéns, despacho, dúas aulas e aseos. O vestíbulo común a estas salas disporá de iluminación natural, xa que as paredes das salas non chegarán até o teito o que permitirá que entre a luz cara o vestíbulo central. Ademais, está previsto crear unha galería á vista en toda a fachada para dar maior luz a todas as dependencias.