Día internacional do Libro Infantil: Os libros fan grande o máis pequeno

13
  • A concelleira de Cultura e Educación Carmen Fouces, a autora Fina Casalderrey, a libreira Luz Gallego e o ilustrador Víctor Rivas participaron na lectura do manifesto do IBBY polo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que conmemora o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen
  • A Biblioteca Pública Antonio Odriozola acolle tamén dende hoxe a exposición ‘Invitemos a ler’, formada por 18 pezas do Concurso Nacional de Cartel da FILIJ de México, país convidado na XIX edición do Salón
  • Xa están á venda na Casa da Luz as entradas para a estrea do espectáculo ‘Mar adiante’ de Odaiko e Fantoches Baj, que terá lugar no Auditorio do Pazo da Cultura o vindeiro sábado día 7 ás 19:00 horas

“Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno”. Esta é a idea central do Manifesto do IBBY polo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, obra da poeta letona Inese Zandere. Na lectura colectiva do texto, que tivo lugar este mediodía na Biblioteca Pública Antonio Odriozola, participaron a autora Fina Casalderrey, a libreira Luz Gallego e o ilustrador Víctor Rivas.

Tras unha breve presentación a cargo da concelleira de Cultura e Educación de Pontevedra, Carmen Fouces, tomou a palabra Fina Casalderrey, que no seu preámbulo citou a María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas: “as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos e un deles ó o Salón do Libro ó que con este acto damos apertura”.

Manifesto do IBBY polo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

“As persoas tenden ao ritmo e á regularidade, do mesmo xeito que a enerxía magnética organiza as lascas de metal nun experimento de física, do mesmo xeito que unha folerpa crea cristais a partir de auga. Xa sexa nun conto de fadas ou nun poema, ás nenas e aos nenos gústalles a repetición, os refráns e os motivos universais porque poden recoñecerse unha e outra vez; danlle regularidade a un texto. O mundo adquire unha orde preciosa. Aínda me lembro cando de nena loitaba comigo mesma por defender a xustiza e a simetría, a igualdade de dereitos para a esquerda e a dereita: se tamborilaba cos dedos unha melodía sobre a mesa, contaba cantas veces debía golpear con cada dedo para que os demais non se sentisen ofendidos. Adoitaba aplaudir dando unha palmada coa man dereita sobre a esquerda, pero pensei que iso non era xusto e aprendín a facelo ao contrario, coa esquerda sobre a dereita. Por suposto, este afán instintivo de equilibrio resulta gracioso, pero o que mostra é a necesidade de evitar que o mundo chegase a ser asimétrico. Tiña a sensación de ser a única responsable de todo o seu equilibrio.

A inclinación das nenas e os nenos cara aos poemas e ás historias xorde, do mesmo modo, da súa necesidade de levar regularidade ao caos do mundo. Dende a indeterminación todo tende cara a unha orde. As cancións infantís, as cancións populares, os xogos, os contos de fadas, a poesía… son formas de existencia ritmicamente organizadas que axudan aos máis pequenos a estruturar a súa presenza no gran caos. Crean a conciencia instintiva de que a orde no mundo é posible e que todas as persoas teñen un sitio único nel. Todo flúe cara a este obxectivo: a organización rítmica do texto, as series de letras e o deseño da páxina, a impresión do libro como un todo ben estruturado. A grandeza revélase no máis pequeno e dámoslle forma nos libros infantís incluso cando non estamos pensando en Deus ou nos fractais. Un libro infantil é unha forza milagrosa que promove o enorme desexo dos pequenos e a súa capacidade de ser. Promove a súa coraxe para vivir.

Nun libro, os pequenos sempre son grandes, de forma instantánea, e non só cando chegan a adultos. Un libro é un misterio no que se encontra algo que non se buscaba ou que non estaba ao alcance de ninguén. O que non poden comprender as lectoras e os lectores dunha certa idade permanece na súa conciencia como unha pegada e continúa actuando aínda cando non o entendan completamente. Un libro ilustrado pode funcionar como un cofre do tesouro de sabedoría e cultura incluso para os adultos, do mesmo xeito que as nenas e os nenos poden ler un libro destinado a adultos e atopar a súa propia historia, un indicio sobre as súas vidas incipientes. O contexto cultural modela as persoas, establecendo as bases para as impresións que chegarán no futuro, así como para as experiencias máis difíciles ás que terán que sobrevivir sen perder a súa integridade.

Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que todo, incluída a literatura infantil, é simplemente un traballo moi pesado e baleiro.”

INESE ZANDERE

Invitemos a ler

Dende hoxe e ata o vindeiro día 29 de abril, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola acolle a exposición ‘Invitemos a ler’; chegada de México, recolle 18 pezas -gañadora e finalistas- da pasada edición do Concurso Nacional da Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil (FILIJ) para convidarnos a ler con diversas propostas literarias e plásticas.

Aberta a venda anticipada de ‘Mar adiante’

Xa están á venda na Casa da Luz as entradas para a estrea no Salón de ‘Mar adiante’ (Auditorio do Pazo, sábado 7, 19:00 horas). Baseado na obra homónima de María Victoria Moreno, este espectáculo mestura cantigas e música, danza e marionetas nunha singular travesía na que navegaremos rumbo á Illa dos paxaros. Os arroaces, o vento do norte, as mareas e as estrelas son protagonistas nesta historia que recrea o conto de Crarisca e Luceiro. O prezo das entradas é de 3€ por asistente e estas poden adquirirse do luns 2 ó xoves 5 no despacho da Casa da Luz, ou ben unha hora antes do espectáculo na billeteira do Auditorio.