Bandeira do pobo xitano no Concello, compromiso coa diversidade e inclusión

30
  • A Fundación Secretariado Xitano formula ao alcalde unha petición: que Pontevedra sexa unha Cidade Cero, na que os xitanos teñen as mesmas oportunidades que os non xitanos
  • Lores recolle a luva e asume o reto, que encaixa no modelo Pontevedra de cidade inclusiva, democrática e igualitaria

O próximo domingo 8 de abril celébrase o Día Internacional do Pobo Xitano e desde hoxe a súa bandeira pendura do balcón da Casa Consistorial. Un xesto que “visibiliza o noso compromiso coa diversidade, a integración e a inclusión”, en palabras do alcalde Miguel Fernández Lores que mantivo un encontro cunha delegación da Fundación Secretariado Xitano.

Foi o pasado ano cando o Concello de Pontevedra pendurou por vez primeira a bandeira azul-verde coa roda de carro que desde 1971 representa ao pobo xitano. “Ver a bandeira no balcón do Concello fíxome sentir máis pontevedresa que nunca, fíxonos sentir pontevedreses de pleno dereito” sinalou Rebeca Florez, mediadora intercultural do Secretariado Xitano que este ano formulou unha nova petición: que Pontevedra sexa unha Cidade Cero.”Os xitanos non partimos de cero, partimos de menos cero, con desvantaxes e queremos ser cidadáns de pleno dereito na educación, no traballo, na vivenda… “ explicou a portavoz.

Lores recolleu a luva e sinalou que “aceptamos o decálogo da cidade cero” que encaixa co modelo Pontevedra, un modelo de cidade inclusiva, democrática e igualitaria. O decálogo comeza cun “todo o mundo ten as mesmas oportunidades, sen importar a súa etnia, xénero, orientación sexual, nacionalidade ou relixión” e inclúe artigos que inciden dun xeito directo en piares básicos da economía local como o nove que sinala “nos comercios e lugares de ocio dunha Cidade Cero todo o mundo é benvido e que ninguén sexa tratado con humillación, sospeita e rexeitamento”.