Discurso da inauguración da XIX edición do Salón do Libro

4

Queridas amigas, queridos amigos,

Grazas por vir axudarnos a inaugurar esta nova edición do Salón. Un salón que cada ano se renova para ofrecer toda a vida que corren polas arterias editoriais do noso país.

Un mes enteiro para que mozos mozas e quen non o somos tanto enchan as baterías do seu cerebro da máis potente enerxía creativa, a que reside nos contos e a imaxinación de cada un.

Un Salón do Libro que este ano presenta algunhas novidades, pero que non se aparta da perseguida meta de encher de oportunidades a axenda deste mes de primavera que o mundo enteiro identifica co libro e a fecundidade artística.

Dedicalo este ano ás Mulleres de Conto é simplemente unha necesidade. A que deriva de convertir ao xénero nunha batalla constante pola normalidade e a igualdade. 

Sentimos, cada vez máis, unha enorme necesidade de feminizar a vida pública para ir superando as fendas que nos separan, que se empeñan cada día en vernos tan distintos en función do noso xénero.

Grazas a todas e todos os que organizades o Salón por dotalo desta dimensión feminista, imprescindible e rexeneradora de vós como mulleres, e de nós coma homes. De todas e todos como persoas.

E grazas tamén por achegarnos a México e situalo de protagonista deste magnífico evento cultural.

México, ese deslumbrante e inmenso país, berce dun abano multicultural de enorme diversidade e do que tan perto nos sentimos os galegos.

Temos a sorte de recibir a visita de catorce auténticos embaixadores mexicanos que nos traerán os seus poemas, narracións, ilustracións, creacións culinarias, ademáis de participacións doutro tipo como intercambios de libros, iniciativas sociais ou relatos da cultura oral mexicana. 

Todas cheas de engado e da enorme riqueza que xurde do intercambio de experiencias e a convivencia estreita entre culturas, entre formas de ver o mundo.

Como moitos de vostedes saben, no último ano estivemos duas veces en México falando do noso modelo de cidade alternativa. En Ciudad de México, en León, en Celaya, en Querétaro. Tamén estivemos no Senado da República, nun evento comercial e en varias universidades. Últimamente fomos convidados ao congreso urbano máis importante de América, chamado Mextrópolis.

Ademáis a concelleira de Cultura, Carme Fouces, visitou importantes institucións culturais mexicanas para intercambiar sinerxias con este Salón do Libro, viaxe da que floreceu esta fecunda colaboración galego-mexicana.

A todas elas levamos a nosa experiencia urbana, o noso xeito de cambiar o mundo para facelo un pouco mellor, para reconciliarnos co Planeta, para ganar máis espazo público para a convivencia e a cultura, para o contacto entre as persoas, para a creatividade e a vida colectiva.

En cada lugar de México que pisamos, recibimos os brazos abertos, a xenerosidade e a mellor vontade dos nosos anfitrións. A nosa ampla delegación política, institucional e empresarial, quedou moi satisfeita do intercambio de información e negocios.

Hoxe estreitamos aínda máis ese vencello espiritual e humano coas nosas librerías cheas de producións culturais mexicanas, os nosos restaurantes ofrecendo petiscos de acolá, e o noso mes de abril cheo de referencias mexicanas que encherán as axendas de moitísimas persoas.

Só me queda agradecer o voso traballoa todas as persoas que traballades no Salón, a todos os centros de ensino que colaboran con vós, aos artistas, aos creadores, aos montadores, ao persoal do Pazo.

E tamén mil grazas á delegación mexicana, á Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil de México, e por suposto ao Centro Cultural de España en Ciudad de México, un importantísimo foco de cultura no centro da capital dos Estados Unidos de México.

Grazas a todas e todos e a gozar dos libros e a cultura do Salón.

Queda inaugurado o XIX Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra