O Salón: Hai Salón do Libro en Pontevedra!

22
  • No acto inaugural, celebrado no Auditorio do Pazo, participaron a Consejera Cultural de México en España, Susana Pliego; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces
  • O concerto ‘Catrina e Dona Francisca’ congregou a preto de 500 persoas para escoitar a música orixinal de Mario Diz interpretada pola Orquestra Filhármonica de Pontevedra baixo a batuta de Juan Miguel Romero Llopi e coa narración de Paula Carballeira
  • As actividades de contacontos e a cea mexicana co Chef Rómulo Mendoza completaron a primeira das 24 xornadas das que consta o XIX Salón do Libro

O Auditorio do Pazo da Cultura acolleu dende as 18:00 horas desta tarde a inauguración da XIX edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O acto de presentación previo ó concerto ‘Catrina e Dona Francisca’ contou coa participación de Susana Pliego, Consejera Cultural da Embajada de México en España; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e Carmen Fouces, concelleira de Cultura e Educación. Entre os convidados e convidadas non faltaron nomes propios da nosa literatura coma Ledicia Costas, Fina Casalderrey, Xosé Antonio Perozo ou Pedro Ferriol, vuivo de María Victoria Moreno; ademais dos membros da nutrida delegación mexicana.

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, foi a encargada de dar a benvida ós e ás asistentes e de presentar á “cultura convidada deste ano, México”. A delegación do país centroamericano estivo representada neste acto pola Consejera Cultural de México en España, Susana Pliego, quen suliñou o “privilegio y honor” que supón esta invitación para colaborar co Salón do Libro. “Me tienen muy sorprendida tanto la ciudad ciudad como las instalaciones y los museos”, asegurou Pliego, quen describiu esta experiencia como un “ejemplo de la amistad entre Galicia y México” e aproveitou para expresar o seu desexo de que “los acerque un poco a nuestras tradiciones, que sus niños tengan ganas de ir allá y que siempre seamos culturas cercanas”.

Das mulleres de conto á cultura mexicana

No discurso inaugural, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo en valor “un salón que cada ano se renova para ofrecer toda a vida que corren polas arterias editoriais do noso país”. Será case un mes enteiro repleto de actividades “para que mozos mozas e quen non o somos tanto enchan as baterías do seu cerebro da máis potente enerxía creativa, a que reside nos contos e a imaxinación de cada un nunha primavera que o mundo enteiro identifica co libro e a fecundidade artística”.

Lores fixo mención especial, como non podía ser doutro xeito, á temática desta edición, ‘Mulleres de Conto’, que deriva da “necesidade de converter a do xénero nunha batalla constante pola normalidade e a igualdade”. O alcalde de Pontevedra incidiu na “enorme necesidade de feminizar a vida pública para ir superando as fendas que nos separan” e reclamou unha “dimensión feminista imprescindible e rexeneradora de vós como mulleres, e de nós coma homes. De todas e todos como persoas”.

Unha das grandes novidades desta edición é a figura do país convidado, que nesta ocasión corresponde a México, “ese deslumbrante e inmenso país – en palabras de Miguel Anxo Fernández Lores- berce dun abano multicultural de enorme diversidade e do que tan perto nos sentimos os galegos”. O Salón contará coa presenza de “catorce auténticos embaixadores mexicanos”, que nos vindeiros días ofrecerán actividades “cheas de engado e da enorme riqueza que xurde do intercambio de experiencias e a convivencia estreita entre culturas, entre formas de ver o mundo”.

Non é casual a elección de México como país convidado pois, como lembrou o alcalde de Pontevedra, no último ano unha delegación municipal visitou o país en dúas ocasións para expoñer o seu modelo de cidade alternativa. “Levamos a nosa experiencia urbana, o noso xeito de cambiar o mundo para facelo un pouco mellor, para reconciliarnos co Planeta, para ganar máis espazo público para a convivencia e a cultura, para o contacto entre as persoas, para a creatividade e a vida colectiva”, explicou o rexidor pontevedrés. “Hoxe estreitamos aínda máis ese vencello espiritual e humano coas nosas librerías cheas de producións culturais mexicanas, os nosos restaurantes ofrecendo petiscos de acolá, e o noso mes de abril cheo de referencias mexicanas que encherán as axendas de moitísimas persoas”.

Por último, o alcalde de Pontevedra expresou o seu agradecemento a tódalas persoas e entidades colaboradoras co Salón, así coma á delegación mexicana, á Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil de México (FILIJ) e ao Centro Cultural de España en Ciudad de México, “un importantísimo foco de cultura no centro da capital dos Estados Unidos de México”.

Catrina e Dona Francisca

“Cando a Catrina peta na túa porta é para que a acompañes lonxe. Tan lonxe que non volves máis”. Con esta suxestiva imaxe comezaba ‘Catrina e Dona Francisca’, un conto popular adaptado e musicado en homenaxe á cultura de México, país convidado no XIX Salón do Libro.

A escritora e narradora Paula Carballeira foi a condutora dun espectáculo de música e contos arredor das catrinas, iconas da cultura do noso país convidado, con máis de 100 anos de historia no folclore mexicano. A Orquestra Filhármonica Cidade de Pontevedra interpretou a música creada ex profeso para este acto inaugural polo compositor galego Mario Diz baixo a batuta do director convidado Juan Miguel Romero Llopis

 Tralo concerto, chegou un dos momentos máis agardados polas cativas e cativos, a apertura das portas da sala de exposicións, coa participación sempre estelar do lobo Órbil, auténtico emblema do Salón do Libro. Foi o preámbulo do espectáculo de contacontos por conta de Pavís Pavós e Raquel Queizás, na compaña das contadoras mexicanas convidadas Rocio Kuri, María Guiexhooba e Alondra Angélica Ramírez. Xuntas percorreron o Salón e enchérano de contos de mulleres dunha e outra beira do Atlántico.

A xornada concluiu cunha experiencia gastronómica e cultural única. Dende as 21:30 horas, chegados do emblemático barrio de La Merced, en Cidade de México, o Chef Rómulo Mendoza cos fogóns e Rocío Kuri cos contos trouxeron a Pontevedra un petisco de México a través dos sabores e da palabra.

Primeiras visitas dos centros de ensino

Esta mañá comezaron tamén as visitas guiadas ó Salón para os centros de ensino de Pontevedra e contorna. Os máis madrugadores foron o CEIP Praza de Barcelos e CPR La Inmaculada, para quen se abriron ás 10:00 horas as portas da sala de exposicións e do espazo multiusos do Recinto Feiral. Posteriormente percorreron o Salón os alumnos de EEI Trastes, CEIP Tirán, CEIP San Clemente e CEIP Escarabote.

Os máis afortunados pudieron gozar dun pase en primicia do concerto ‘Catrina e Dona Francisca’. Os centros que participaron nesta actividade foron CEIP San Clemente, CEIP Tirán, CEIP Vilaverde, CEIP Escarabote, CPR La Inmaculada, CEIP A Xunqueira 2, CEE BATA e CEIP Praza de Barcelos.