A Federación Internacional de Balonmán supervisa instalacións deportivas e hoteleiras da cidade

24
  • En breve emitirán informe sobre a inspección técnica realizada, da que a priori as impresións son boas
  • A inspección enmárcase nos traballos cara a organización do Mundial Junior de Balonmán Pontevedra 2019

Unha delegación da Federación Internacional de Balonmán (IHF) co presidente do Comité de Organización e de Competición da IHF e presidente da Federación Danesa de Balonmán, Per Bertelsen ao fronte visitou hoxe Pontevedra para coñecer as instalacións deportivas e hoteleiras de cara á celebración do vindeiro Mundial de Balonmán Junior Pontevedra 2019. A visita continuará mañá na outra sede do campionato, Vigo, para coñecer as súas instalacións e oferta hoteleira, e manter unha reunión técnica do Comité organizador do campionato.

En Pontevedra, visitaron o Pavillón Municipal e tamén os principias hoteis facendo medicións para comprobar que cumpren os requisitos esixidos pola Federación Internacional. Decidirase, finalmente, se a cidade poderá acoller até a 12 equipos.

Ademais de manter un xantar oficial no que participou o alcalde, a concelleira de Deportes e responsables do servizo municipal, a visita técnica realizouse en compañía dos técnicos de deportes, así como do presidente da Federación Española e de Miguel Roca, até hai poucos meses vicepresidente primeiro da Federación internacional que se achegou até Pontevedra (e mañá a Vigo) para respaldar a candidatura galega deste campionato.

A delegación emitirá en breve un informe da súa visita a Galiza sobre a inspección técnica realizada. A priori, as impresións son boas.

O Mundial de Balonmán Junior terá como sede as cidades de Pontevedra e Vigo e desenvolverase do 23 de xullo ao 4 de agosto de 2019.