Adxudicada a reforma integral da rúa Virxe do Camiño a Oresa

44
  •  As obras, adxudicadas por 1.146.785 euros, afectan a Virxe do Camiño, o seu entronque con Eduardo Pondal e as rúas que chegan a ela: Mariscal Pardo de Cela e José Casal.
  • Elsamex acometerá os proxectos de mellora da seguridade viaria do CEIP Vilaverde-Mourente (156.775 euros) e do Marcos da Portela (154,759 euros)
  • A XGL deu luz verde hoxe a obras que suman máis de 2,5 millóns de euros

A Xunta de Goberno local adxudicou a reforma integral da rúa Virxe do Camiño, a primeira das actuacións en carteira do Concello para mellorar o Camiño Portugués ao seu paso polos barrios. A obra foi adxudicada a empresa Oresa por 1.146.785 euros e afecta ademais da rúa Virxe do Camiño, a súa cabeceira no entronque coa rúa Eduardo Pondal e as rúas que desembocan nela: Mariscal Pardo de Cela e José Casal.

O portavoz do Goberno local e concelleiro de Contratación, Raimundo González, sinalou que a adxudicataria asume tamén melloras por valor de 125.000 euros que afectan ao pavimentado da rúa Virxe do Camiño, no entronque e nas rúas adxacentes e a iluminación destes espazos.

Falamos dunha reforma integral, é dicir, que inclúe a renovación a renovación dos servizos: auga, saneamento, sumidoiros, telecomunicacións e rede de gas. As obras comezarán no próximo mes.

Proxecto: Reproduce o modelo Pontevedra con plataforma única (lastro confinado entre bordes de formigón, tiras de baldosa e cortén) e espazos multifuncionais de convivencia e promoción económica. A mobilidade peonil terá prioridade en toda o ámbito.

O cortén será o elemento condutor de todo o proxecto. A Virxe do Camiño é, historicamente, a entrada do Camiño Portugués na cidade, polo que ao inicio desta rúa créase un baluarte con cortén, que lle dará unidade a todo proxecto. Ademais, elévasepara crear unha nova praza arborada con arces de distintas cores segundo a estación e plantas aromáticas -tamén de distintas cores- nos alcorques de cortén.

Todo o ámbito do Camiño estará marcado con lastros luminiscentes.

A reforma de Virxe do Camiño é unha das obras -a de maior proxección- das adxudicadas pola XGL de hoxe, unha relación que inclúe entre outras a mellora da accesibilidade e da contorna dos CEIP Vilaverde-Mourente e Marcos da Portela-Monte Porreiro. Son actuacións que suman, todas elas, máis de 2,5 millóns de euros. segundo informou o portavoz do Goberno local e concelleiro de Contratación, Raimundo González,

Mellora da seguridade viaria no CEIP Vilaverde-Mourente. Adxudicada a empresa Elsamex por 156.775 euros. Ten un prazo de execución de 4 meses.

Proxecto. Consiste nunha plataforma única, colocación de sinalización horizontal e vertical, aproveitamento de sobre anchos da rúa que será asfaltada, e instalación de pasos sobreelevados. Tamén se creará un espazo específico destinado para o transporte escolar.

Melloras de seguridade viaria no acceso -rúa Suecia- ao CEIP Marcos da Portela. Adxudicada a empresa Elsamex por 154.759 euros. Ten un prazo de execución de 4 meses.

Proxecto. Contempla a instalación de pasos sobreelevados, o arranxo e ampliación de beirarrúas e a renovación da sinalización. A actuación completarase coa redución da circulación a un carril en sentido único e a habilitación de aparcadoiros a ambos lados da rúa facendo unha reserva para o centro de ensino.

Na actualidade, e tamén co obxectivo e garantir a seguridade dos escolares, a rúa péchase ao tráfico un cuarto e hora antes e un cuarto de hora despois da entrada e saída do centro de ensino. É dicir, prohíbese a circulación de 08:45 a 09:15 e de 13:45 a 14:15 horas.

Canalización de pluviais no camiño de acceso ao Castelo, na parroquia de Lérez. Obras adxudicadas á empresa EC Casas por valor de 226.000 euros. Prazo de execución de 4 meses.

Mantemento da sinalización viaria, vertical e horizontal do rueiro e estradas municipais. O contrato ten catro anos de vixencia, con ata dous anos de posíbel prórroga. Foi adxudicado á empresa API Movilidad por 792.000 euros. Unha rebaixa do 10% no prezo de contratación e a redución do tempo de resposta para corrixir incidencias.