O Concello inicia o acondicionamento de rotondas e parques para mellorar a imaxe da cidade

33

    • Trátase de facer máis atractivos espazos polos que pasan centos de persoas durante o día.
    • Dúas pezas fundamentais son o axardinamento da Ponte das Correntes e tamén a principal rotonda da rúa Eduardo Pondal.
    • Xa está rematada a actuación na rotonda de José Malvar con Camiño vello de Castela.

O Concello de Pontevedra iniciará nas vindeiras semanas diversos traballos de mellora en rotondas e zonas verdes da cidade que presentan un axardinamento deficiente ou, simplemente, non o teñen, aproveitando a chegada da primavera para dar cor á cidade, facéndoa máis amábel e atractiva.

Estas obras serán realizadas pola empresa Ferrovial, concesionaria do mantemento dos xardíns. Faranse con cargo ás melloras que ofertou a empresa na adxudicación do contrato. Serán arredor de 70.000 euros de investimento nesta primeira actuación.

As zonas verdes que se incluirán neste primeiro lote de actuacións son seis espazos, fundamentalmente rotondas, pero tamén ámbitos de moito tránsito peonil como a praia fluvial o a zona administrativa de Campolongo.

Entre as rotondas que se mellorarán están:

    • Ponte das Correntes onde está previsto actuar en distintos espazos verdes situados nas zonas verdes das avenidas de Uruguai e Domingo Fontán. Unha superficie que supera os 830 m2. Plantarase arborado, gramíneas e herbáceas como Phormium tenax, betula utilis, cornus alba Bud`s Yellow, calamagrostis x acutiflora, stipa tenuissima, verbena bonarensis, perovskia atriplicifolia, coreopsis verticillata, hermerocallis stella, carex oshimensis everillo
    • Rotonda de José Malvar con Valdecorvos. É un espazo pequeno de só 11 m2 pero cunha gran afluencia de tráfico polo que se prevé unha plantación de bambú tapizante, grava e pedras brancas.
    • Rotonda de Eduardo Pondal. Trátase da zona verde ovalada de 218 m2 que fai de regulador do tráfico con Filgueira Valverde. Está previsto a plantación de palmeiras, gramíneas e herbáceas. As especies serán: washintoniana filifera, cornus alba Bud`s Yellow, Pennisetum rubrum Fireworks, Pennisetum rubrum Skyrocket, Nepeta cataria, hermerocallis stella, salvia hybrid Mystic Spires, salvia hybrid Amistad, Liatris spicata, Carex comans Bronco, Carex comans AM, Liriope muscari
    • Rotonda do Camiño Vello de Castela con José Malvar, de 226 metros cadrados. É unha actuación realizada con especies arbustivas e herbáceas con especies como azalea xapónica, rhododendron hybridum, pennisetumm, buxus sempervirens, hydrangea macophylia ou loropetallus chinensis.

Tamén se farán melloras na praia fluvial coa plantación de novas especies de o mantemento do céspede, e se acondicionará un camiño na zona verde do parque de Campolongo (zona administrativa) de entrada directa ao edificio da Xunta de Galicia. Trátase dun paso de pés que foron realizando os usuarios do edificio durante os últimos anos.