O XIII Encontro de Palilleiras reunirá a máis de 1.200 artesás no Recinto Feiral

145
  • O encontro “maior e mellor” de Galiza será o domingo 29 de abril
  • A Asociación A Fieitiña, organizadora do evento co Concello, sacou o encaixe á rúa: en bolsos, paraugas, prendedores, abanicos, corpos de vestidos, colos de camisas…

Máis de 1.200 artesás participarán o próximo domingo 29 de abril no XIII Encontro de Palilleiras de Pontevedra, “o maior e mellor” de Galiza, segundo concordaron en definir o alcalde Miguel Fernández Lores e a presidenta da Asociación “A Fieitiña”, Esperanza Marín na presentación do evento. Xunto a eles estaban Carme Fouces, concelleira de Cultura e María Xesús Mirón e Teresa Rodríguez, vicepresidente e secretaria da asociación.

As palilleiras traballarán en vivo de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas no Recinto Feiral, onde tamén haberá unha exposición dos traballos realizados polos socias/ os e que este ano xirarán arredor das catro estacións, ademais de outros traballos. Entre estes últimos haberá unha colección de encaixes feitos por unha muller rusa e que chegan a Pontevedra da man do fillo.

Por outra banda este ano o Encontro de Palilleiras de Pontevedra terá unha vertente solidaria. A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) terá unha mesa no recinto co in de informar sobre o seu labor e recadar fondos e neste eido A Fieitiña donoulles catro cadros que serán sorteados ese día.

A Asociación A Fieitiña de Monte Porreiro traballa a prol da recuperación e posta en valor da arte de palillar e do encaixe de bolillos pero, sen dúbida, a súa maior achega e da que están máis orgullosas é do paso que deron de “sacar o encaixe a rúa”. Bolsos, abanicos, paraugas, corpos de vestidos, colos de camisa, prendedores do pelo, colgantes… amosan que o encaixe é unha arte viva, todo elo sen deixar de lado os usos máis tradicionais da roupa de cama, cortiñas…