Discurso no acto de nomeamento da rúa María Victoria Moreno

20

Bo día

Hoxe é un día de festa, de celebración da amizade, da convivencia, da creatividade e a cultura.

Hoxe é unha xornada feliz porque damos un paso xigante para mudar o mapa da cidade, para poñer luz onde había sombra, para pintar de violeta o que antes era gris, para trocar as armas polas letras, a carraxe polo sorriso, a violencia polo amor.

A partir de agora Pontevedra lembra permanentemente unha persoa: María Victoria Moreno, que vivíu aquí, con intensidade e paixón, unha historia de amor.

Amor polas persoas que tiña preto, que gozaron das súas atencións, dos seus desvelos, da súa entrega permanente e da súa xenerosidade sen límites.

Amor polo maxisterio, nas aulas e na vida. Unha docencia que encheu o espirito crítico e de lucidez a moitas xeracións de mozos e mozas que grazas a ela igual non só son máis sabias senón que sobre todo son mellores persoas.

Amor pola literatura, pola maxia da palabra escrita e tamén pola fantasía das historias contadas nun recanto do parque de Campolongo.

Amor pola xustiza, por unha sociedade que non deixe no camiño a ninguén. Que sexa belixerante con violencia, coa discriminación, coa menteria, coa exclusión e co odio.

Neste ano dedicado a ela, celebrámola con libros, con imaxes, con historias, con exposicións, con discursos, con premios, con programas de radio e de televisión. E, sobre todo, celebrámola co que máis ela quería: con sorrisos, con abrazos, con humor, con delicadeza e con humanidade.

Neste ano reconstruímos o mapa sentimental da cidade tal como a viviu María Victoria Moreno.

Aí está o barrio de Campolongo nun lugar principal, os seus paseos con Alma polo parque, as paradas para falar con amizades, a compañía das crianzas que se seguían até o quiosko de chuches de Ernesto, a parada nos escalóns do paseo sobre o río dos Gafos (o escalón de Ulises) onde reunía a nenas e nenos para contarlles contos.

O centro da súa vida era a avenida de Vigo, onde estaba e segue estando a súa casa.

E a libraría Seijas, outro dos puntos cardinais da súa vida… Lugar de encontros, de conversas, de amizades, de complicidades…

Moi preto de alí, na ponte sobre a rúa Eduardo Pondal, está colocada desde 2016 unha placa que recolle unha cita de María Victoria que representa moi ben a súa actitude vital: “As persoas estamos feitas para lebar adiante os proxectos máis fermosos”.

María Victoria participou activamente na vida social, cultural e literaria da cidade. Implicouse en todas as súas causas de defensa do ben común: da lingua, dos espazos e dos servizos públicos, da ría de Pontevedra…

Nos últimos tempos colaborou no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que lle rendeu homenaxe na edición de 2006.

Persoa xenerosa, deixou unha profunda pegada nas persoas que a coñeceron, que recibiron a súas ensinanzas, que gozaron da súa amizade…

Ademais da herdanza intelectual da súa obra literaria como narradora, poeta, ensaísta e tradutora, legou en vida a súa biblioteca formada por máis de 4.000 volumes ao Instituto Torrente Ballester, no que impartiu aulas desde 1990.

Neste 2018, Pontevedra e toda Galiza renderanlle homenaxe.

Na súa memoria, o salón do libro infantil e xuvenil está dedicado este ano a Mulleres de conto.

E agora unha rúa do seu barrio de Campolongo, unha grande avenida, levará ao seu  nome para que a súa lembranza permaneza para sempre con nós. Para que non siga iluminando como un faro de luz, de sensibilidade, de talento e de beleza.

Hoxe é un día de felicidade para Pontevedra e para Galiza, para a cultura, para a democracia e para a vida.

Hoxe é un día fermoso porque Pontevedra engalánase cun nome cheo de sensibilidade, de compromiso, de intelixencia, de talento e de xenerosidade. O nome xigantesco e permanente de María Victoria Moreno.

Moitas grazas.