O Concello inicia as accións formativas do Plan de emprego

104
  • O primeiro curso Desenvolvemento de proxectos de sistemas de automatización industrial será en xuño
  • Paralelamente avánzase na tramitación do Pazo da Cultura como centro homologado de formación laboral
  • A homologación é un requisito sine qua non do plan, xa que da dereito a certificados de profesionalidade, equivalentes a títulos de FP e polo tanto válidos no mercado laboral

O plan de emprego (plan de formación para o emprego) no que traballa o Concello de Pontevedra pon en marcha a primeira acción concreta, un curso homologado sobre Desenvolvemento de proxectos de sistemas de automatización industrial, unha elección que responde ao convencemento de que “pode ser un nicho de emprego bastante seguro”, segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, quen hoxe explicou os pasos que se están a dar para facer do Pazo da Cultura un centro homologado de formación.

A esta primeira acción formativa seguirá de contado dous cursos, tamén homologados sobre Atención sociosanitaria a persoas dependentes en instalacións sociais. Os tres cursos desenvolveranse no mes de xuño e se impartirán en algún dos dous centros homologados que hai na cidade, aos que o Concello pediu orzamentos.

As persoas interesadas en facer estes cursos -15 prazas en cada un deles- poden inscribirse no enderezo administracion@proxectoiles.es. O alumnado recibirá

unha bolsa mentres completa a súa formación, recibirá ao acabar o certificado de profesionalidade e realizará prácticas en empresas.

A homologación da formación laboral ten que ser e vai a ser un requisito sine qua non do Plan do emprego do Concello. Tal como subliñou a concelleira Anabel Gulías “unha formación homologada xera títulos habilitantes, certificados de profesionalidade equivalentes aos títulos de FP” e é esencial que a formación dada teña ese marchamo para que teña validez no mercado laboral.

Paralelamente avánzase no expediente para o recoñecemento do Pazo da Cultrua como centro homologado para a formación no emprego, unha tramitación na que están implicadas outras administracións. Os requisitos son moi esixentes: instalacións para formación teórica, dispoñibilidade de equipamentos para prácticas, espazos para dirección, orientación, etc…e a definición das familias profesionais coas que se pretende traballar.

O interese da Concellería de Promoción Económica e que a formación impartida ao abeiro do Plan de Emprego municipal sexa un camiño, con posibilidades reais, cara ao mundo do traballo. Para axustar a oferta formativa á demanda laboral, o Concello promoverá unha xornada de traballo coas empresas da cidade para coñecer as súas necesidades.