O Puntazo formará as empresas en estratexias de comunicación dixital para mellorar a súa marca

32
  • Impartirase un curso neste eido en colaboración coa Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación a partir do 2 de maio
  • Encontro o 31 de maio, entre as empresas creativas e innovadoras da cidade e o alumnado do proxecto “A Canteira” para promover relacións profesionais
  • Polo Correo do Vento celebrará co Puntazo o 8 de xuño o seu décimo aniversario

Ampliar a rede de empresas e contribuír a unha mellora da súa actividade profesional e visibilidade son os obxectivos principais da programación de Pontevedra ten un Puntazo presentada esta mañá pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, para os vindeiros meses. O Puntazo é unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica que naceu hai case dous anos co fin de visibilizar o talento das empresas creativas, culturais e innovadoras da cidade e que neste tempo ten tecido unha rede que interrelación a 110 firmas locais e de fóra de Pontevedra.

En colaboración coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación organizarase o curso “Comunicación Dixital e Novos Medios Audiovisuais” que ten como finalidade achegar ás empresas do Puntazo as estratexias de comunicación nas que a creatividade é protagonista e a tecnoloxía ocupa un fundamental segundo plano. O curso impartirase a partir do 2 de maio na Casa das Campás

Oswaldo García, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e coordinador desta acción formativa, destacou que “queremos que as empresas poidan facer un uso creativo das ferramentas dixitais que teñen ao seu alcance e poidan deseñar un plan de comunicación dixital propio que aplicar á mellora da visibilidade da súa actividade empresarial ou dos seus proxectos”.

As empresas interesadas poderán inscribirse a través do enderezo electrónico pontevedratenunpuntazo@pontevedra.eu antes do día maio. A inscrición é gratuíta, prazas son limitadas e terán preferencia para participar no curso aquelas empresas que formen parte do programa.

Seguindo esta liña de colaboración co campus universitario, o xoves 31 de maio celebrarase un encontro entre as empresas creativas e innovadoras da cidade co alumnado participante no proxecto “A Canteira”, web que recolle os principais traballos desenvolvidos polos alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (máis información http://csc.uvigo.es/acanteira/).

O obxectivo deste encontro é promover a relación profesional entre as empresas locais e o talento que sae do campus pontevedrés, de modo que se poidan establecer relacións entre os dous colectivos.

Por outra banda, retómanse as presentacións empresariais dentro da programación de Pontevedra ten un Puntazo. O venres, 8 de xuño será a quenda de Polo Correo de Vento que celebra os seus dez anos de actividade profesional. O acto será na Casa da Luz ás 20.30 horas cunha contada para adultos e cunha exposición retrospectiva dos seus traballos que se poderá visitar ata o 18 de xuño.