O novo código de barras da rúa Cruz Gallastegui

63
    • Dende esta noite está rematado o pintado da rúa que pretende romper a súa verticalidade e reforzar o seu carácter peonil que debera ter dende a creación da plataforma única.
    • A segunda fase será a colocación estratéxica de veladores e mobiliario urbano para devolver a rúa aos peóns.

O Concello de Pontevedra rematou esta noite de pintar a rúa Cruz Gallastegui para reforzar o seu carácter peonil, que tamén pretende acadar colocando estratexicamente os veladores da rúa e o mobiliario público. O pintado realizouse durante a noite do venres e do sábado e forma un código de barras que reproduce as palabras Cruz Gallastegui.

O pintado disemina as zonas de estacionamento, a calzada e a beirarrúa, rachando coa verticalidade da rúa. As liñas entran nas zonas de estancia dándolle sentido á plataforma única na que a prioridade é peonil. Deste xeito tamén se pretende acabar co estacionamento indiscriminado na rúa, que a pesares de ter plataforma única, funcionaba realmente como unha rúa con tráficos segregados.

Como plataforma única similar a rúas como Michelena, a velocidade de circulación a impón o peón, e a carga e descarga e servizos poderase facer en toda a rúa -naqueles puntos que estean baleiros- e durante os tempos que rexa a carga e descarga.

Esencial neste modelo é a instalación dos veladores e do mobiliario urbano. No segundo punto, o Concello xa ten claro onde estará instalado para reforzar o carácter peonil, e no tocante á instalación de veladores, a Concellaría de Promoción Económica inicou unha rolda de contactos cos comerciantes de toda a rúa para pactar con eles a instalación das terrazas. As reunións están sendo frutíferas, e dende esta noite poderase pensar en colocar os novos veladores.

Esta reordenación pódese facer ao aplicar a nova ordenanza -recentemente publicada no Boletín Oficial de Pontevedra- coa que o Concello pode colocar os veladores na rúa aínda que estean fora da fachada do establecemento que o solicita -até o de agora a norma non o permitía- co acordo de todos os comerciantes.

Segundo explicou a concelleira Anabel Gulías, os veladores de Cruz Gallástegui ocuparán as áreas de posible estacionamento para “perder as expectativas de aparcar”.

A rúa Cruz Gallastegui fora asfaltada pola empresa COVSA que se fixo responsable do seu reasfaltado dado que o primeiro non tivo o resultados esperados, deteriorándose moi pronto no tempo. O Concello será o responsable de instalar o mobiliario urbano.