Trece empresas presentan ofertas para crear o novo parque infantil de Campolongo

125

    • O orzamento de licitación é de 300.000 euros e a Mesa de contratación reúnese o vindeiro mércores para coñecer as ofertas técnicas presentadas

A Mesa de contratación do Concello de Pontevedra abriu as 13 ofertas presentadas para a creación dun parque infantil no barrio de Campolongo. A Mesa volverase a reunir o vindeiro mércores, 2 de maio, para estudar a oferta técnica das empresas presentadas, que son as seguintes:

      1. Lapset
      2. Kompan
      3. Ferrovial
      4. Isaba
      5. HPC Iberica
      6. Zona de obra O Rosal
      7. Sport Equipalia
      8. Oziona
      9. Jardincelas
      10. Naron
      11. Althenia
      12. Bricantel
      13. Piñeiro construcciones

O prezo de licitación do parque é de 300.000 euros e está pensado para un abano de idades moi amplo, situado entre o paseo cuberto do Gafos, a EEI Crespo Rivas e a piscina municipal de Campolongo.

A actuación pretende crear unha área de xogos de 930 metros cadrados, dividida en 3 zonas diferenciadas:

    • unha para os máis pequenos, menores de 6 anos. Esta área terá unha superficie de 200 metros cadrados e disporá de xogos inclusivos.
    • unha para maiores de seis anos, cunha superficie de 450 metros cadrados, na que se disporá dun xogo tipo tirolina, outro de cesta múltiple e unha torre que terá, alomenos, tobogáns de alturas entre os 2,5 e os 6,5 metros.
    • unha zona intermedia para os acompañantes e para os accesos cunha superficie de 450 metros cadrados, na que ademais de bancos tamén se instalarán mesas de xogo, outra de tenis de mesa e unha fonte adaptada.

O parque de Campolongo será, tal vez, o máis importante que teña a cidade. Foi unha decisión do Concello o de elixir este barrio para este novo equipamento infantil dado que é un dos barrios da cidade máis poboados e con maior poboación infantil, e só conta co parque do Cogumelo.