O Concello recibe 21 ofertas para construír os campos de fútbol de Campañó e Ponte Sampaio

33

    • Xunto aos campos de Cerponzóns e Santa María de Xeve, á contratación das novas Piscinas de Campolongo e á reforma do Multiusos da Xunqueira, é o maior impulso inversor na historia do Concello que se lle ten dado ás infraestruturas deportivas municipais.
    • A creación e posta a punto destes equipamentos é unha da liñas maestras do actual mandato do Goberno Local.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra xa abriu as ofertas ecónomicas dos proxectos de construción dos campos de fútbol de herba sintética de Campañó e Ponte Sampaio. Foron 12 empresas as que presentaron oferta para construír o campo de Campañó, e 9 para o de Ponte Sampaio. Ambos campos están enmarcados nun convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Deputación provincial por valor duns 2,4 millóns de euros.

No caso do Campo de Campañó o orzamento de licitación é 999.437,36 euros e ten un prazo de execución de 6 meses. O campo de Ponte Sampaio ten un orzamento de 1.397.120 euros.

Campo de Campañó

As empresas que se presentaron á licitación son:

    • Explotacións medioambientais cunha proposta económica de 866.400,32 euros
    • OVIGA con 974.000 euros
    • PRACE con 965.956,21 euros
    • Sergonsa con 809.417,40 euros
    • Naturgalia con 979.399,41 euros
    • Alvac con 897.416,72 euros
    • Gómez Crespo con 997.887 euros
    • E.C.Casas – Imesapi con 861.415,06 euros
    • Covsa con 937.072,47 euros
    • Elsamex con 895.400 euros
    • Ediserpo 821.711 euros
    • O3 – Manuel Novoa castro con 842.325,81 euros

As ofertas complétanse con outras prestacións como o mantemento das instalacións ou as melloras da obra. No primeiro dos casos, algunhas empresas non ofertan e outras chegan aos 5 anos de mantemento. No caso das melloras que consisten na instalación de equipamentos deportivos (valorados en 34.000 euros), máis instalacións deportivas (26.000 euros), instalacións de equipamento (23.000 euros) ou organización (16.500 euros), tamén varían as propostas das compañías xa que algunhas ofertan as catro melloras e outras ningunha.

O Concello xa dispón do proxecto do novo campo de fútbol de Campañó que estará nas actuais instalacións de terra, no monte da Tomba. Prevese crear un terreo de xogo de de fútbol 11 e dous campos de fútbol-7. A iluminación retirarase até o extremo para aproveitar ao máximo o terreo de xogo.

Instalaranse catro vestiarios para deportistas e dous para árbitros. O campo de herba cumprirá os parámetros da Fifa Quality. Tamén disporá de bancada, aseos, cantina, almacén e zona de maquinaria.

As edificacións disporán dun recubrimento de Viroc (lousas de fibrocemento) que non fagan destacar os edificios co terreo. Como singularidade, terán cinco fachadas. Estarán dispostos de tal xeito que parece un só edificio polo que se “filtran” as persoas usuarias, aínda que en realidade o público só pode entrar entre os tres edificios finais para pechar a zona dos futbolistas.

Campo de Ponte Sampaio

As empresas que presentaron oferta para a construción do novo campo de Ponte Sampaio son:

    1. Explotacións medioambientais cunha proposta económica de 1.175.612,41 euros
    2. OVIGA con 1.324.420 euros
    3. PRACE con 1.348.919,57 euros
    4. Gómez Crespo 1.395.735 euros
    5. E.C.Casas – Imesapi con 1.184.059,35 euros
    6. Covsa con 1.391.671,43 euros
    7. Elsamex con 1.231.780 euros
    8. Ediserpo con 1.163.536 euros
    9. O3 – Manuel Novoa castro con 1.166.176,23 euros

Ao igual que no campo de Campañó as ofertas varían segundo as melloras e o mantemento das instalacións. Sobre as melloras de obra consistentes en máis equipamento deportivo (27.000 euros), melloras nas instalacións (9.000 euros) e a demolición do campo actual (83.000 euros), varían entre as que non as ofertan e as que as ofertan todas (que son a maioría); e sobre o mantemento tamén varía entre os que non ofertan e os que ofertan 3 anos de mantemento, que tamén son a maioría das empresas.

A actuación en Ponte Sampaio é algo máis que a construción dun campo. É a recuperación de 15.000 metros cadrados, de todo o espazo que ocupa a instalación deportiva actual para incorporala á Xunqueira como espazo de lecer e de praia.

Para iso o Concello comprou uns terreos de 11.000 metros cadrados próximos ao actual campo por 120.000 euros, onde se construirán as novas instalacións deportivas. O incremento do custe deste campo en relación aos anteriores débese a que hai que facer escavación e logo recheo da parcela do campo. No investimento tamén vai incluída a demolición do campo actual.

Proxéctase unha instalación de herba artificial e novas edificacións para vestiarios, aseos, cantina, bancada, enfermería e almacéns, así como a nova iluminación do campo e a urbanización de parte da parcela, moi próxima ao campo existente.

O campo de fútbol terá unha dimensións de 90 x 58 metros, coas bandas 93 x 61, e o pavimento deportivo deberá superar os parámetros de durabilidade máis esixentes e ter unha resposta deportiva das máis altas prestacións como o cumprimento da norma UNE EN 15330-1:2014 e homologación do sistema para instalar marca FIFA recomended como da obra executada con nivel FIFA QUALITY.

En canto ás edificacións, trátase en realidade de dúas que envolven o campo, unha situada no linde oeste da parcela e outra no linde sur. A edificación situada no lado oeste intégrase na topografía adaptándose ao terreo e aos muros preexistentes, contando con cubertas vexetais. A edificación situada ao sur xoga coas referencias topográficas da parcela adoptando formas orgánicas que a relacionan coas outras edificacións, o terreo e os fondos. As dúas zonas ligadas ás edificacións independízanse para acoutar as zonas de público e de xogadores, así se dispoñen dous accesos que se especializan, o sur para publico ligado aos usos desta zona (cunha superficie de 326 metros cadrados) e o oeste para xogadores ligados á zona de vestiarios (cunha superficie de 295,30 metros cadrados). Propóñense solucións sinxelas, ordenadas, funcionais e, sobre todo, versátiles permitindo transformacións sinxelas de uso.

Instalacións deportivas

Os campos de Campañó e Ponte Sampaio son dúas novas infraestruturas deportivas que se veñen a sumar aos novos campos de Cerponzóns ou de Gatomorto, en Santa María de Xeve, xa iniciados. O de Cerponzóns, en Chan do Monte, foi adxudicado á empresa Prace por 864.972,38 euros e o de Santa María de Xeve foi adxudicado a Covsa por 859.953,23 está coas actuacións preliminares.

E a eles incorpórase á ambiciosa reforma do Pavillón Multiusos da Xunqueira ou á reforma das Piscinas de Campolongo, ambos en proceso de contratación.

O Goberno Local marcou este mandato como decisivo para iniciar o proceso de renovación e ampliación das infraestruturas deportivas no concello (tanto no ámbito urbano como no rural) e estas grandes obras son exemplo delo. Ás que se suman obras menores, pero non menos importantes, como a reforma da accesibilidade no Pavillón Municipal, que tamen renovou totalmente a súa cuberta, ou a reforma dos vestiarios do campo de herba sintética da Xunqueira, como outras noutros pavillóns e centros deportivos municipais.

Pero a intención do Goberno Local é continuar nesta liña, aínda que a outro ritmo dado a complexidade dos proxectos, coa creación dun novo complexo deportivo na Parda ou a reforma integral do Pavillón Municipal.