Discurso no acto do Día das Letras Galegas organizado pola Asociación Sociocultural do Burgo en Curros Enríquez

1

Queridas amigas, queridos amigos,
Voltamos como cada ano a esta praza de Curros Enriquez para rendir a nosa máis sentida homenaxe á lingua galega, e reafirmar o noso máis nobre compromiso con ela.

Todos e todas nós formamos parte dos activos máis importantes que ten un idioma, os seus falantes, as persoas que brincamos, choramos, enamorámonos e cabreámonos dentro dese cosmos lingüístico.

Todos e todas formamos ademáis hoxe unha familia de siareiros entre os que destaca unha muller que, aínda que non físicamente, sempre está presente entre nós: María Victoria Moreno.

Pontevedra é este ano escenario por partida dobre das máis importantes conmemoracións culturais do noso país.

Se hai poucas semanas o arquitecto Alejandro de la Sota era o protagonista do Día das Artes Galegas, hoxe homenaxeamos á enorme pontevedresa que foi María Victoria Moreno, a quen hoxe se dedica o Día das nosas Letras.

Esa muller que chegou a Galiza e quixo falar como os galegos e as galegas. Esa muller que encheu de vida tantas páxinas de boa literatura. Esa muller que puxo tanta intelixencia creativa á súa relación cos demáis, en especial cos seus alumnos e amigos.

Con moito acerto, os creativos publicitarios descubriron que o nome completo da nosa ilustre escritora e profesora, agochaba unha palabra, cara ao centro do conxunto que forman o seu duplo nome e os dous apelidos.

Esa palabra oculta é unha das máis fortes e poderosas expresións deste mundo, e convoca todo un universo de intencións cando se pronuncia con todo o seu significado.

Esta palabra é AMOR.

A grandísima lección que a profesora Moreno nos deixou foi a de decidir vivir coma os galegos, cunha das máis enternecedoras frases que se pode dedicar a unha lingua: “Non quero falar nun idioma distinto ao que fala a persoa que elaboro o pan que como”.

Esa sí que é unha ecuación de proximidade, de ecoloxía, de respecto, de harmonía. Con sentencias tan sabias e ilustres, xa non é preciso descender aos códigos dos dereitos, os deberes e as leis, para reivindicar a lingua galega como compañeira substancial da nosa vida. Pode que adoitar a lingua das persoas que cocen o noso pan e pescan o noso peixe sone algo anacrónico nos tempos da globalización.

Pero os aspectos máis rudos do presente hai que compensalos con miradas cercanas, con acenos amables cara ao que nos arrodea, co cariño que debemos á nosa propia memoria, para sentirnos orgullosos do que fomos, do que somos e do que seremos en diante.

Esas son as grandes leccións de María Victoria Moreno, porque xa sabemos que se o amor movese o mundo non habería guerras, nen tensións innecesarias entre as persoas.

Se nos movese o amor ninguén impoñería un idioma como hoxe ocorre co castelán e o inglés, auténticos depredadores lingüísticos pola súa potencia, derivada de dominacións imperiais.

Se a maioría de nós proxectásemos sobre a nosa lingua un amor como o que María Victoria Moreno dedicou ao galego, teríamos un idioma vizoso, cheo de falantes e cun futuro asegurado.

Ogallá grandes institucións como a Xunta ou o Goberno central, os axentes económicos e sociais, as familias, e sobre todo o profesorado e os medios de comunicación, fosen capaces de engancharse a esta corrente afectiva cara ao galego que hoxe demostran todos, pero que a maioría esquece durante o resto do ano.

Grazas, María Victoria Moreno, pola túa enorme lección de amor, polo teu compromiso de muller e de pontevedresa coa túa lingua adoptiva.

E grazas a todos e todas vós por participar coa Asociación Cultural do Burgo nesta outra manifestación de amor e creatividade que cada ano nos axuda a celebrar o Día das Letras Galegas con auténtico fervor.

Viva a lingua galega, hoxe e sempre!