Da Silva: “Velocidade e calidade urbana son incompatibles”

29
  • A tenente de alcalde leva o modelo urbano ao IX Forum CiViNET España- Portugal que se celebra en Cascais
  • “O Transporte público sostenible como revitalizar das cidades” foi o tema elixido para avaliar e compartir experiencias de planes de mobilidade

“O Transporte público sostenible como revitalizador das cidades” foi o tema de análise elixido polo IX Forum CiViNET España-Portugal que pechou hoxe en Cascais (Portugal) e nel os/as participantes debateron e compartiron experiencias sobre planes de accesibilidade e mobilidade, propostas das cidades para as persoas, etc. Pontevedra -coa voz da tenente de alcalde, Carme da Silva- estivo  no encontro no que tamén estiveron presentes, ademais de Cascais e a Boa Vila, representantes dos concellos de Irún, Alcobendas e Vitoria-Gasteiz, Braga,Viseu e Guimaraes

Carme da Silva fixo un percorrido polo miúdo da transformación (revolución) urbana de Pontevedra un proceso de mellora pensado, con obxectivos definidos, que foi capaz de inverter o paradigma “condicionar a cidade á mellora da mobilidade, ou sexa, subordinar a cidade á mobilidade” polo de “condicionar a mobilidade á mellora da cidade, ou sexa, subordinar a mobilidade á cidade”, un proceso guiado con valentía e decisión política e participado pola veciñanza.

A idea base era e é construír unha cidade para as persoas. Recuperar os espazo públicos, devolver a cidade aos cidadáns, sen exclusións. Toda a cidade, non só unha zona central, unha praza, un parque, unha zona de xogos, senón a cidade no seu conxunto, sinalou na súa intervención Carme da Silva. Unha formulación integral que explica o éxito da transformación urbana.

O modelo Pontevedra, inda que en permanente construción, é xa unha realidade da que se poden obter algunhas conclusións, entre as que a tenente de alcalde Carme da Silva citou as seguintes:

  • As soluciones técnicas existentes, variadas e solventes, funcionan moi ben cando se teñen claras as ideas e os obxectivos globais. As medidas sectoriais carentes dunha idea global conducen a actuacións que converten os espazos públicos en complexos, confusos e disfuncionais, cando non xeradores de conflitos.
  • As estratexias de ofrecer compensacións para retirar o tráfico da cidade, as chamadas estratexias push and pull son contraproducentes. Gañar a cidade para os cidadáns é tan valioso que debe ser a grande compensación en si mesma.
  • As aspiracións de facilitar a velocidade, de “ir rápido” na cidade, anque sexa en autobús ou en bicicleta non é unha opción válida, salvo excepcións en vías moi concretas.

A experiencia amosa, conclúe Da Silva, que “a velocidade e calidade urbana son incompatibles”.

CiViNET chega ao seu noveno foro en Cascais tralos celebrados en Burgos, Murcia, Santander, Málaga, Torres Vedras, Alcobendas, Valencia o Coimbra. Neste tempo abordáronse temas como as Smart Cities e a mobilidade; as ITS ao servizo das cidades; cidades amábeis, as bicicletas nas cidades, planes de mobilidade urbana, etc,