Noites Abertas pecha 2018 con 3.325 asistentes e xa traballa na vindeira edición

30

‣ En 2019 cumpriranse 20 anos do programa municipal de lecer alternativo para mozas e mozos

A Concellaría de Xuventude xa traballa na vindeira edición das Noites Abertas, rematadas o pasado 28 de abril e na que participaron 3.325 mozos de entre 12 e 30 anos. O concelleiro Alberto Oubiña explicou que todo o equipo de Noites Abertas xa está centrado na edición número 20 recollendo opinións tanto dos monitores como dos usuarios.

Entre os primeiros obxectivos está reforzar a Comisión de Igualdade e potenciar o uso da lingua, ademais de mellorar a súa presenza de Noites Abertas nas redes sociais xa que é o principal medio de comunicación da xente moza. Tamén se estuda o formato do vindeiro ano, que incluso podería ter dúas edicións: unha en outono e outra en primavera.

Ao respecto da edición 19 que se celebrou entre o 23 de febreiro e o 28 de abril deste ano, Alberto Oubiña destacou que a maior parte das propostas realizadas en Noites (96) son de persoas novas e entre os participantes son maioría mozas, estudantes, de entre 16 e 26 anos, se ben é moi importante o incremento de usuarios na franxa de idade entre os 12 e os 16 anos, o que supón que existe relevo xeracional no programa e que confirmará a súa supervivencia no tempo, ademais de indicar que se traballa na boa dirección.

Na terceira edición da Comisión de Igualdade das Noites Abertas fixéronse tres cursos: dous de igualdade de xénero e un de igualdade no deporte, nos que participaron 43 persoas das cales 26 foron homes. Cabe lembrar que estes cursos son obrigatorios para poder impartir un curso ou obradoiro nas Noites Abertas.

Esta foi unha edición de Noites Abertas máis curta que a de anos anteriores. De feito, foron catro semanas menos, pero iso non reduciu nin a calidade, nin o número de actividades (de feito foron máis) nin o número de asistentes xa que a asistencia media foi de 184 persoas fronte as 159 de 2017. De manter o número de semanas, rexistraríase un incremento do 16%.

Noites Abertas. Balance