Unha recepción oficial pon o ramo a Maio Mes da Lingua

16
  • Lores: “Se non nos sentimos orgullosos do noso, da nosa lingua, malamente poderemos deixar un futuro esplendoroso a nosos fillos.
  • O alcalde e  concelleiro de Normalización Lingüística recibiron a representantes de arredor de 40 asociacións de veciños e centros educativos
  • No acto leranse textos seleccionados de María Victoria Moreno, a un deles poralle a voz a súa neta

O Pazo de Mugartegui acolleu a recepción oficial de agradecemento do alcalde Miguel Fernández Lores e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña ás asociacións de veciños e sociais e centros de ensino que colaboran dun xeito activo co Maio mes da lingua. Representantes de arredor de 40 colectivos acudirán a cita.

A recepción é o remate oficial dun mes cheo de actividades dirixidas a profundar no coñecemento e normalizar o uso do galego en todos os eidos da vida. A programación, que promove e coordina a Concellería de Normalización Lingüística, incluíu teatro cinema, literatura, roteiros, obradoiros, música e actividades lúdicas variadas.

Nesta ocasión a programación de Maio, mes da lingua conxugouse cunha ampla oferta de citas que xiraron arredor de María Victoria Moreno a mestra e escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano, autora que vai a estar presente tamén hoxe na recepción do Pazo de Mugartegui onde leranse varios dos seus textos.

A voz dos textos seleccionados puxérona dous representantes da asociacións de veciños San Bieito de Lérez, que leron o inicio de Anagnórise e un extracto de Leonardo e os fontaneiros; un membro da asociación de veciños O Chedeiro de Cerponzóns e a neta de María Victoria Moreno que leva o seu nome quen lerá Na fonte, fonte…

No acto entregaronse bolsas con libros ás asociacións e ENDL (equipos de normalización e dinamización lingüística) dos centros escolares de Pontevedra que traballan todo o ano coa rapazada e mocidade co fin de normalizar o uso do galego non só no mundo académico senón en todos os eidos das súas vidas.

O alcaide pechou o acto agradecendo a colaboración, implicación e participación dos distintos colectivos no Maio mes da lingua. “Se non nos sentimos orgullosos do noso, da nosa lingua, malamente poderemos deixar un futuro esplendoroso a nosos fillos. Miremos o exemplo de María Victoria Moreno que asumiu a lingua como propia, unha historia de amor reflectida nos seus libros, na súa vida” sinalou Lores.