Arela busca persoas ou familias para acoller adolescentes con dificultades

48

‣ Son mozos e mozas con sentenzas por malos tratos no ámbito familiar cunha medida xudicial de convivencia dirixida a reformular o seu xeito de relacionarse cos seus

A Asociación Arela busca en Pontevedra familias ou persoas (fogares) interesadas en acoller durante un tempo un/unha adolescente con medidas xudiciais por malos tratos no ámbito familiar. Son mozos e mozas cunha sentenza que inclúe unha medida de convivencia cunha persoa o familia que traballe con eles na reformulación do seu xeito de relacionarse cos seus.

O alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Benestar Social Municipal, Anxos Riveiro recibiron hoxe aos representantes de Arela Eva Piñeiro e Julio Barreiro que lles informaron sobre o programa Convive.Comigo ao tempo que solicitaron o apoio do Concello e visibilizar un proxecto que naceu como experiencia piloto o pasado ano na provincia da Coruña e que neste 2018 amplíase a Pontevedra.

As persoas o familias dispostas a acoller adolescentes con dificultades estarán acompañadas por Arela que as formará para enfrontar o reto e fará un seguimento durante todo o proceso. As persoas interesadas en coñecer polo miúdo o programa poden contactar con Arela a través de convive@arela.org ou telf. 986.212537.

Convive.Comigo xorde da necesidade de dotar de recursos (neste caso familias, persoas) ao Xulgado para que este poida recoller nas súas sentenzas a medida de convivencia en grupo educativo: unha medida que obriga a un/unha adolescente a vivir noutro contexto familiar diferente ao de orixe, tratando de reconducir a situación que o/a levou a un Xulgado de Menores, facilitándolle un entorno de socialización positiva co fin último de evitar unha reincidencia futura.

A duración aproximada dunha medida de convivencia oscila entre 6 meses e un ano.

As funcións que corresponden a este programa consisten en captar, formar e avaliar ás persoas que se interesen en participar, ademais de realizar un acompañamento durante o cumprimento da medida xudicial.

Durante o proceso de avaliación e formación, realizaranse múltiples entrevistas, mínimo unha visita domiciliaria e varias sesións formativas tanto de índole grupal como individual.

Máis información: http://www.arela.org/Noticias/programa-convive.html