Chega Sons na rúa coa Banda de Música de Pontevedra

126
  • Este programa de verán arranca mañá no Palco da Alameda, ás 21.00 horas con “Pasodobres do século XXI”
  • O ciclo consta de sete concertos que terán lugar en prazas da cidade nos meses de xuño, xullo e agosto

Chega o verán e con el a Banda de Música de Pontevedra sae a rúa. A concelleira de Cultura, Carme Fouces acompañada polo director da BMP, Rafael Agulló e a secretaria da Banda, Ana Franqueira presentaron hoxe o programa “Sons na rúa”, sete concertos nas prazas da cidade que arrancan mañá mesmo, 7 de xuño ás 21.00 horas no Palco da Alameda e que rematarán mergullándose na programación das festas da Peregrina.

“Presentan un repertorio actualizado a arriscado” sinalou a concelleira Carme Fouces que puxo o foco na calidade e variedade das propostas da BMP. Propostas que engaiolan, unha vez e outra e outra, a público de todas as idades e de diferentes sensibilidades. A proba o exitoso programa de inverno desenvolvido no Teatro Principal.

Calidade, talento e xuventude definen, en palabras de Ana Franqueira, á Banda de Música de Ponteevdra que traballa, engade Rafael Agulló, guiada por tres eixos: cumprir co público, ser un ente pedagóxico e o valor artístico.

Nos sete concertos programados -dous en xuño, dous en xullo e tres en agosto- teñen cabida pasodobres, musicais, música do mundo, unha escolma clásica ou citas tan especiais como o recital Rêveries françaises co director convidado Miguel Etchegoncelay (Arxentina) ou o agardado Man a man coa Banda de Música de Salcedo.

sons na rua 2018 bmp