As obras de reforma da rúa Lepanto, en marcha este ano

127
  • Será unha actuación integral – na superficie e de renovación de servizos- cun custe de 264.000 euros
  • A vía reformada será de plataforma única, sen prazas de aparcamento, cunha zona de estancia na cabeceira que toca con Benito Corbal e previsiblemente con só tráfico de servizos

Os servizos técnicos municipais teñen practicamente rematado o proxecto de reforma da rúa Lepanto, cuxo deseño está consensuado con comerciantes e veciños da zona, polo que as obras, se non xorden sorpresas, poderían comezar antes de que remate o ano. O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez presentou hoxe o deseño definitivo do que será unha “reforma integral” da vía, que pasará a ser de plataforma única, con pavimento de lastro confinado en bandas de formigón e rematada cunha zona de estancia con árbores na cabeceira que toca coa rúa Benito Corbal.

Demetrio Gómez apuntou que tan importante como a actuación en superficie, que vai a converter a rúa nun espazo de preferencia peonil e con estacionamento de servizos, vai a ser a renovación dos servizos soterrados de saneamento, acometidas de auga, separación de augas pluviais e fecais. Respecto á iluminación manterase a que ten ao longo do viario (xa conta con luminarias con tecnoloxía led) e instalaranse farolas na futura praza-zona de estancia.

O custe da actuación prevista na rúa Lepanto é de 264.000 euros.

O concelleiro de Obras subliñou que o deseño definitivo da rúa Lepanto recolle as valoracións e suxestións feitas pola veciñanza nunha asemblea celebrada na Casa da Luz na que lles fora presentado o anteproxecto. “De feito o deseño da zona de estancia que nos propuxeramos contaba con algunhas prazas de estacionamento e son eles os que piden que a vía quede para tráfico de residentes e servizos” citou Demetrio Gómez.

O proxecto da rúa Lepanto será “unha reforma integral” , subliñou o concelleiro Demetrio Gómez, polo que se aproveitará a obra para renovar os servizos: saneamento, augas pluviais e fecais. Se manterá a iluminación da rúa (xa con tecnoloxía LED) aínda que se modificará a da zona de estancia para adaptala aos parámetros de sostenibilidade.