O Concello prorroga tres anos o contrato de recollida de lixo e limpeza
68
Cespa terá que renovar nun prazo máximo de 6 meses equipos e medios materiais por valor de 1,5 millóns de euros
Cambios normativos inminentes e o despregue da compostaxe condicionarán o prego de condicións para a novo contrato
A nova prórroga entra mañá en vigor e “non vai a incrementar nin en un céntimo a concesión”
Raimundo González, concelleiro de Economía e portavoz do Goberno local informou hoxe da decisión de prorrogar durante un período de tres anos o contrato de xestión directa, a través de concesión administrativa, dos servizos públicos de residuos sólidos urbanos, recollida selectiva en orixe, transporte de residuos, limpeza viaria, desratización e desinfección e limpeza de dependencias municipais, e dicir, do contrato de recollida de lixo e limpeza.
Cambios na normativa de contratación, e cambios inminentes en materia medio ambiental, por unha banda, e por outra, a posta en marcha do sistema de autocompostaxe comunitario, o despregue da compostaxe individual e a súa posterior avaliación ao que ten que seguir o redactado dos novos pregos do concurso, da nova ordenanza, da convocatoria das mesas de contratación e toda a tramitación precisa até a adxudicación explican a nova prórroga do contrato do recollida dos residuos sólidos urbanos e limpeza de Pontevedra.
Raimundo González lembrou que o pasado mes de febreiro o Consello de Ministros da UE decidiu cambiar a normativa en materia de residuos e non está feita a directiva que a ten que desenvolver; o Ministerio de Medio Ambiente ten un borrador para modificar a lexislación vixente e axustarse a novo marco comunitario e a Xunta anuncio o pasado mes que ía a modificar a normativa autonómica. “É todo un cambio normativo que vamos a ter que contemplar” subliñou o concelleiro de Economía e responsábel de Contratación.
Os servizos técnicos municipais avalan a prórroga do contrato -a terceira após das asinadas nos anos 2014 e 2017- pero sinalan que a empresa ten que renovar certos equipamentos e materiais cuxa vida útil está esgotada para cumprir cos compromisos do contrato. De acordo con informe técnico Cespa-Ferrovial terá que substituir:
Recollida de resiudos
2 vehículos recolectores de carga lateral
1 camión con gancho e grúa
1 furgón hidrolimpador
122 contentores de fracción resto (verdes)
188 contentores de papel-cartón
75 contentores de envases
130 contentores de vidro
Limpeza viaria
2 varredoras de beirarrúas
1 varredora de calzada
2 baldeadoras de beirarrúas
A substitución deste material terá que facerse nun prazo máximo de 6 meses, a contar da entrada en vigor da nova prórroga, que será mañá 9 de xuño.
A renovación de todo este material suporalle a Cespa un investimento aproximado de 1,5 millóns de euros pero “non vai a incrementar nin un céntimo a concesión” indicou Raimundo González quen engadiu que “a empresa si terá dereito a revisión ordinaria” incluída no contrato vixente.