Pontevedra investirá 66 millóns en abastecemento e saneamento co novo contrato da auga

277
    • A Mesa de Contratación propuxo a Viaqua como adxudicataria que inclúe na súa oferta económica 58 millóns de euros en melloras e 8 millóns de canon, todos para investir nas redes de sumidoiros e de abastecemento de auga potábel.
    • O portavoz do Goberno asegura estar “especialmente orgulloso porque é a mellor xestión en materia económica que se leva feito nunca no Concello.  É o maior investimento da historia do Concello”.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra propuxo á empresa Viaqua como adxudicataria do vindeiro contrato de abastecemento e saneamento do Concello de Pontevedra. O portavoz do Goberno e responsable de Contratación, Raimundo González, asegurou estar “especialmente orgulloso deste contrato porque é a mellor xestión en materia económica, en materia de investimentos que se leva feito nunca neste Concello, xa que estamos a falar do maior investimento da historia do Concello”.

Atendendo á oferta económica da adxudicataria, Viaqua terá que realizar, nos vindeiros 3 anos, obras por valor de 58 millóns de euros, ademais de pagar un canon de case 8 millóns para destinalo a obras de abastecemento e de saneamento que se consideren necesarias.

A Mesa de Contratación fixo esta proposta co apoio de todos os técnicos municipais e o presidente da Mesa, o concelleiro Raimundo González, e o voto en contra do resto de grupos municipais da oposición.

Nesta última mesa valorouse a xustificación das baixas das empresas Viaqua e Facsa (esta última quedou desbotada xa que non achegou a documentación xustificativa), e finalmente acordouse adxudicar á oferta máis ventaxosa.

Facendo unha comparación dos investimentos do anterior contrato -tamén adxudicado por 20 anos-, as melloras eran de 15 millóns de euros (2.5000 millóns de pesetas do momento), e na actualidade esas melloras serán de 66 millóns de euros. “Aínda que poidamos dicir que se incrementaron os IPCs e tamén o IVE, a oferta actual gaña por goleada , xa que o investimento case se cuadriplica”, asegurou Raimundo González.

En relación á partida de investimentos dos orzamentos municipais, que regularmente oscilan entre os 11 e os 13 millóns de euros, as melloras do contrato do lixo duplican estas contías, se se ten en conta que se tratan de 66 millóns de euros de investimento en tres anos.

Polo tanto, “o investimento é cuantioso e é o máis importante que ten ocurrido no Concello”, concluíu o portavoz do Goberno.

Os investimentos

O destino dos 66 millóns de euros é, basicamente, obra de saneamento, abastecemento e mellora da auga en alta.

Deste modo, e dentro do ámbito urbano, está prevista a renovación dos servizos de auga e saneamento da rúa Echegaray, e a ampliación de sumidorios e pluviais na rúa da Porta Grande, paralela a Conde Bugallal.

No tocante ao saneamento no ámbito rural os investimentos son millonarios: 5 millóns para a parroquia de Santo André de Xeve; Verducido: 4.787.000 euros; Campañó :4.122.000 euros; Bora: 2.700.000 euros; Alba: 1.974.000 euros…”e así en todas as parroquias que poidan ter carencia de saneamento”, completaba o concelleiro.

En relación ao abastecemento os investimentos son: Marcón: 9.153.000 euros; Mourente: 6.295.000 euros (van incluídas as conexións do futuro hospital de Montecelo); Salcedo: 4.899.000 euros; Bora: 4.851.000 euros; Lourizán: 3 millóns…

Os investimentos en saneamento significarán dotar o 99,9% do Concello, en todas as parroquias. E no abastecemento, conectar a toda a marxe esquerda do Lérez á rede xeral.

Raimundo González explicou que este novo contrato da auga significa “unha auténtica revolución en materia de investimentos, en mellora do servizo e en prestacións que imos ter os pontevedreses. Non deixa de ser unha chuvia de millóns que van vir para o conxunto dos veciños e veciñas de Pontevedra”. Ademais, “non vai significar ningún incremento de taxas, xa que unha vez adxudicado en firme está previsto facer unha nova ordenanza na que se pague en función dos metros cúbicos de auga consumidos”, rematou.