A rexeneración paisaxística da praza de Galicia estará lista a final de mes

60

    • O alcalde visitou hoxe o traballo de rexeneración paisaxística na praza que leva moitos anos so con traballos de mantemento.
    • Actúase nos parterres de flores, no céspede, no rego e nos paseos de xabre.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores comprobou esta mañá o desenvolvemento dos traballos de xardinería da praza de Galicia, que permanece pechada ao público mentres se acondicionan os paseos de xabre e se rematan os parterres de flores.

Os traballos de rexeneración paisaxística da praza de Galicia, na que non se actuaba de xeito integral dende fai moitos anos, está a centrarse nos espazos verdes, no rego e nos paseos. A empresa Ferroser é a encargada de executar a obra valorada en 51.802,39 euros. A intervención pode prolongarse durante tres semanas (se o tempo acompaña), segundo explicou esta mañá o concelleiro de Parques, Alberto Oubiña, que acompañou ao alcalde na súa visita.

A praza permanece pechada dende hai unha semana para acondicionar os paseos de xabre que foron rebaixados para volver a botarlle xabre de máis calidade; ademais, abombáronse no centro para facilitar a evacuación das augas pluviais. Os paseos aínda teñen que ser compactados dentro duns días cando o xabre seque e quede máis firme.

Tamén se traballa en completar os parterres de flores nos que se mellorará o céspede e se plantarán distintas especies arbustivas como azaleas e rododendros que florecerán en distintas estacións do ano e daranlle máis vistosidade e colorido á praza. Instalarase rego por goteo que é máis ecolóxico, e cortiza para evitar que crezan as herbas malas.

A outra parte do proxecto é mellorar a xardinería das rotondas que están nas cabeceiras da praza de Galicia.

Esta actuación forma parte do acordo acadado coa Asociación de veciños Campolongo e a Federación de Veciños Castelao  para a aprobación do orzamento municipal.