Adxudicadas as obras dos campos de fútbol de Campañó e Ponte Sampaoo

27
  • Campañó foi adxudicada a Elsamex por 895.400 euros
  • Ediserpo asume a construción do de Ponte Sampaio (ederrube do actual) por 1.163.536 euros
  • As dúas obras teñen un prazo de execución de 6 meses

A rede municipal de instalacións deportivas contará con dous novos campos de fútbol de herba sintética ao remate do ano ou principios do 2019. Trátase dos campos de Campañó e Ponte Sampaio cuxas obras acaban de ser adxudicadas e que teñen, nos dous casos, un prazo de execución de seis meses, segundo confirmou o portavoz do Goberno local e concelleiro de Contratación, Raimundo González.

A construción do campo de fútbol de Campañó foi adxudicada a Elsamex por 895.400 euros. Ademais dunha axustada oferta económica a empresa ofertou melloras nas instalacións e equipamentos do campo e un período de mantemento do céspede de 5 anos.

Foran 13 as empresas que concorreran ao concurso das obras deste campo que se vai a levantar no mesmo lugar do actual.

Ediserpo será a empresa que constrúa o campo de fútbol de Ponte Sampaio. Foille adxudicado o traballo por 1.163.536 euros. Neste caso foran 9 as empresas que concorreran ao concurso.

Neste caso a nova instalación deportiva terá unha nova ubicación, nun lugar próximo o que permitirá liberar a parcela o campo actual para ampliar o espazo de lecer da Xunqueira, unha vez que Costas desafecte os terreos, unha petición feita en tempo e forma polo Concello.

Ediserpo asume coa construción do campo de fútbol de herba sintética de Ponte Sampaio melloras nas instalacións e equipamentos, 5 anos de mantemento do céspede e mais o derrube do vello campo.

Axudas deportivas

Por outra banda a Xunta de Goberno local celebrada hoxe deu luz verde a dúas iniciativas vencelladas ao mundo do deporte:

– aprobou a sinatura de convenio de colaboración do Concello co Casino Mercantil de Pontevedra para a celebración do VII Torneo Internacional Junior ITF de Tenis. A achega municipal é de 15.000 euros
– aprobadas as bases e convocatoria para as Escolas Deportivas Municipais

Raimundo González informou que son tres as liñas de subvencións neste capítulo, que suman un total de 142.000 euros. A meirande parte, 108.000 euros son para os clubs e federacións que participan nas escolas deportivas municipais; 24.000 van dirixidas a centros educativos e parroquias e o resto para colectivos específicos (persoas con discapacidade, maiores, persoas en risco de exclusión social…).