“Cabos Soltos”, a marca municipal para aplicar a nova Lei de espectáculos de Galiza

75

A nova Lei de espectáculos de Galiza, que entrará en vigor o vindeiro 2 de xullo, cambia o procedemento administrativo para autorizar diversas actividades nos locais de lecer. Serán os concellos os encargados de autorizar a programación paralela destes locais, non incluída na súa licenza, dende organizar unha exposición até propostas máis complexas, como un concerto. Para regular estas actividades, as administracións locais teñen dúas opcións: a aprobación dunha ordenanza específica ou dar autorizacións extraordinarias.

O Concello está a tramitar neste momento unha ordenanza de simplificación administrativa que poderá regular as actividades menos complexas, de tal xeito que todos os promotores poidan programar con seguridade xurídica.

Para o resto de actividades (concertos, por exemplo), o Concello pon en marcha un programa municipal chamado “Cabos Soltos” que pretende canalizar e asumir a programación que se veña realizando nos locais da cidade. Calquera local que queira facer unha programación deberá cubrir un formulario web no que se requerirá unha serie de documentación: horarios, copia do seguro, compromiso de cumprir a normativa de seguridade e hixiene,…

Ademais, aos locais incluídos nos “Cabos Soltos” pediráselles que programen un mínimo de actividades organizadas por artistas locais como do Local de música, Belas Artes, Comunicación Audiovisual…

Para facilitar a programación local por parte destes establecementos, o Concello creará un catálogo de grupos ou de persoas que se quieran anotar e queiran participar desta programación. Para iso, a Concellaría dirixirase a todo o sector: dende o Local de Música, o programa o Puntazo… pero tamén a todos aqueles que estean fóra da programación municipal por si queren formar parte dela.

No caso de que haxa locais que non queiran participar de “Cabos Soltos”, deberán solicitar ante o Concello esta autorización extraordinaria.