Comezan as obras de ampliación da rede de abastecemento de auga potábel ao segundo tramo dos Areás
16
Trátase dun compromiso adquirido polo Concello con veciños do lugar que quedaban fóra do proxecto inicial.
Permitirá conectar 14 vivendas, pero non todo o barrio porque existe un problema de cotas pola presión da auga.
Viaqua tamén executa o saneamento para 8 vivendas en Sabarís (Campañó) valorado en máis de 60.000 euros.
O Concello de Pontevedra comeza mañá o proxecto de ampliación da rede de abastecemento de auga potábel nos Areás, parroquia de Mourente. O Concello realizou o pasado ano a canalización da auga potábel (700 metros) no lugar cun proxecto valorado en 84.022,04 euros e executado pola empresa Oserco. Naquel momento, varios veciños que non estaban incluídos no proxecto, propuxeron ao Concello a posibilidade de conectar as súas vivendas á rede xeral porque secaran os seus pozos durante o verán.
Os técnicos municipais estudaron a posibilidade de estender a rede até esas casas, resultando posible ampliala, aínda que non a todo o lugar dos Areás, xa que existe un problema de cotas, que impide que se poida canalizar -polo momento- todo o barrio, pola presión da auga.
Neste novo proxecto, que comeza mañá, dotarase de auga corrente a 14 vivendas entre os Areás e as Laxiñas, mediante a instalación de 495 metros lineais de tubaxe de 75 mm e dúas bocas de rega. A intervención complétase co pavimentado de todo o ancho da calzada no tramo afectado e a instalación da rede de recollida de pluviais.
A empresa encargada de realizar os traballos é Viaqua, cun proxecto adxudicado en 32.134,99 euros. O prazo de execución é dun mes.
O resto do barrio dos Areás só se poderá conectar unha vez que entre en funcionamento a rede en alta realizada por Acuaes en Pontevedra, e se vaian executando as redes secundarias e particulares, dende a rede xeral ás vivendas, en cada núcleo do rural.
Rede de sumidoiros en Sabarís
Ao mesmo tempo, o Concello executa dende esta semana a ampliación da rede de sumidoiros en Sabarís, parroquia de Campañó. É unha canalización da rede de saneamento para 8 vivendas, coa instalación de 480 metros lineais de tubaxe PVC, de 250 milímetros e 19 pozos de rexistro, coa posterior pavimentación de todo o ancho da calzada.
O importe da obra, que executa Viaqua, é de 60.395,27 € e o prazo de execución previsto é de 1 mes.