Inauguración de “Variacións ao redor do mar” de Agnès Varda

8

Querida comisaria Julia Fabri,

Querido responsable cultural da Universidade de Vigo, profesor Morquecho,

Concelleira,

Amigas e amigos,

É un pracer para o alcalde inaugurar esta gran exposición que percorre a vida dunha gran figura do cinema e a fotografía europea, e reivindica algúns dos grandes valores do noso tempo.

A muller, o feminismo ou a relación íntima da paisaxe e a paisanaxe, das persoas e o planeta, pescudando a súa relación máis harmónica.

Revisar a obra de Agnés Varda é todo un paseo pola Francia máis moderna, contemporánea, vangardista e provocadora. Por exemplo, respondendo en 1975 á pregunta “Que é ser muller?” con argumentos que aínda hoxe soan revolucionarios. Ser muller é o noso corpo, o noso sexo, pero tamén é ter cabeza de muller, que pensa distinto á dun home.

Con estas frases inicia un percorrido polos estereotipos machistas daquel tempo, hai máis de 40 anos, que veñen repetíndose até nós con machacona insistencia. Prexuízos derredor da maternidade, a vida diaria, o desexo sexual, a cousificación do corpo feminino na publicidade e na cultura… Mil detalles que conforman unha revolución feminista que non podemos abandonar pensando que está todo feito.

Grazas a persoas coma Varda, a mulleres bravas que loitaron desde as tebras do tempo ata hoxe mesmo retratando os contrastes da sociedade patriarcal, consumista, egocéntrica e competitiva, grazas a elas, podemos hoxe dar pasos cada vez máis firmes cara a un mundo escrito máis en feminino.

A comisaria desta exposición, Julia Fabri, propúxonos un fío condutor que nos resulta moi familiar aos galegos. O mar. As persoas que viven preto do mar, as viúvas dos mariñeiros, a xente que conforma o seu carácter movida polas ondas, os salseiros, as illas, a pesca..

Retratos que máis aló dos lugares en que son feitos, teñen tanto en común con nós, coas nosas mariscadoras, coas nosas viúvas de vivos, cos mariñeiros que fixeron do océano o escenario do seu futuro.

Esa relación espiritual entre a paisaxe mariña e as persoas que a habitan conforma esta exposición de 9 instalacións e derredor dun cento de fotografías que nos honra moitísimo ter en Pontevedra e coa que queremos reforzar todas esas mensaxes que desde a obra de Agnès Varda axudan a que a humanidade avance.

Cantas Agnès necesitaríamos hoxe para facer propaganda desa outra crueldade mediterránea na que grazas ás terribles sombras que o capitalismo impuxo no mundo está enchendo o mar de irmáns africanos en procura de benestar.

Ogallá os artistas de hoxe mirasen de fronte aos problemas do noso tempo como fixo Agnès no seu momento, e como seguiu a facer ata onte mesmo, data do seu último filme no que aborda a sobre abundancia alimenticia de occidente e os contrastes e desigualdades que entre nós se producen

Grazas, Julia, transmítelle a Agnès unha fortísima aperta e o noso agradecemento desde este lugar do mundo no que se admira profundamente a persoas coma ela, que son as imprescindibles do poema de Bertolt Brecht.

Grazas tamén a todos os que tanta enerxía puxestes para conseguir esta senlleira mostra, como José Manuel Morquecho, e todas e todos os que dalgún xeito colaborastes, como o persoal do Pazo da Cultura, a concelleira Fouces, a Universidade de Vigo, o Instituto Francés e o Cineclube Pontevedra.

Queda inaugurada esta preciosa e necesaria exposición sobre a obra de Agnés Varda.