Avanza a creación do núcleo de centralidade parroquial de Cerponzóns

22

    • Estará rematado ao longo do mes de xullo e será o terceiro que o Concello acondiciona no rural, xunto ao de Salcedo e Campañó.
    • Xa se creou unha praza a nivel, instalouse o parque infantil, nova iluminación, asfaltouse toda a vía perimetral, e está pendente de soterrar servizos, completar a seguranza viaria na contorna e rematar a zona infantil

O novo núcleo de centralidade de Pidre, na parroquia de Cerponzóns, está case rematado, e xa será o terceiro co que conta o rural pontevedrés, xunto ao de Salcedo e o de Cabaleiro, en Campañó. A empresa E.C.Casas, adxudicataria do proxecto municipal, está dándolle os últimos retoques, de tal xeito que poida estar concluído no prazo de dúas ou tres semanas; ao longo do mes de xullo.

Esta mañá os concelleiros Pilar Comesaña e Alberto Oubiña, responsables do rural, visitaron o ritmo dos traballos. Comprobaron como xa está rematada a nova praza que une os locais sociais (antigas escolas de A Meán), en igual cota, eliminando barreiras e garantindo un espazo peonil de conexión de ambos edificios. Dispón de iluminación nova  con dous farois singulares, que dispoñen dunha pantalla co que se pretende recrear un salón. Tamén se colocou unha varanda a modo de miradoiro cara o resto da parroquia.

Na traseira dos edificios mellorouse a zona infantil, integrando o parque que se completou con máis elementos. Asfaltouse a vía perimetral ás edificacións, e modificouse a circulación que pasa a ser de sentido único.

Nestes momentos, trabállase na creación de cunetas e está pendente de soterrar a liña de telefonía (traballos que comezaban esta mesma tarde), e instalar a herba sintética en toda a contorna do parque infantil. A colocación do mobiliario (bancos e cadeiras) e a plantación de arborado será a última parte da obra, xunto coa instalación de medidas de calmado de tráfico e nova sinalización horizontal e vertical.

O orzamento do núcleo de centralidade parroquial de Pidre é de 161.424,74 euros.