O Ganapán achegou a 1.300 nenas/os ao mercado entre xaneiro a xuño
7
Rematan os obradoiros de cociña desta temporada, coa elaboración dunha torta de Santiago
Un milleiro de rapaces participaron nas visitas guiadas á praza de abastos e 300 gozaron dos obradoiros infantís de cociña
Co remate das clases chega a despedida do curso tamén no Ganapán, o programa lúdico-formativo que ten lugar no espazo infantil do mercado de abastos por iniciativa da Concellería de Promoción Económica e da Cidade que dirixe Anabel Gulías. Este sábado celebrouse a última cita da temporada cos pequenos/as chefs que atopan na praza todos os ingredientes necesarios para a elaboración das súas receitas. Esta derradeira xornada estivo adicada á repostería tradicional e por elo prepararon unha deliciosa torta de Santiago.
Os obradoiros de cociña e infantís do Ganapán dos sábados combínanse coas visitas escolares dos venres ao mercado nas que participan alumnado de Educación Infantil e Primaria. Se no primeiro caso a presenza de Ana Oca, ex-concursante de Masterchef causou no seu día gran alboroto entre os pequenxs chefs e as súas familias; no segundo caso os visitantes non saían do seu asombro ao ver de cerca centolas, peixes sapos ou cacheiras.
O remate do curso é tempo de balance. Foron arredor de 1.300 os nenos e nenas que participaron nas actividades do Ganapán durante o primeiro semestre do 2018. Un milleiro deles participaron nas visitas guiadas polas dependencias da praza e 300 gozaron das citas coa cociña dos sábados.
Todos os venres o mercado recibiu a grupos de escolares que percorreron os distintos postos da praza -de carne, peixe, marisco, flores, froita, ultramarinos- coa finalidade de coñecer tanto os produtos do mercado como establecer contacto directo cospraceiros e praceiras.
Ademais da venda, os nenos e nenas achéganse nestas visitas a todo o proceso dos alimentos, visitan a lonxa e as cámaras de conservación. Despois do percorrido, xa no Ganapán, fixeron actividades de plástica creativa relacionadas coa visita e remataron coa degustación dalgún produto vinculado co Mercado (paté de mexillóns, froitas, queixo…).
A finalidade das visitas -e tamén a dos obradoiros de cociña da fin de semana- é dar a coñecer o mercado e a xente que nel traballa, pór en valor o espazo e os oficios do mar e da terra e concienciar ás crianzas da importancia de mercar e consumir produto frescos e de proximidade.