Tecnoloxía led para Barcelos, Rouco, Fernando Olmedo e Perfecto Feijoo

22
    • Os traballos teñen un custe próximo aos 60.000 euros e comezan o luns, 2 de xullo, pola praza.
    • O Concello continúa a implantar esta iluminación en todo o centro urbano. Nesta ocasión substituirá 68 luminarias.

O Concello de Pontevedra inicia este luns, 2 de xullo, o cambio de farois e luminarias do alumbrado público da praza de Barcelos e da rúa Rouco; unha mellora que tamén se estenderá ás rúas Fernando Olmedo e Padre Gaite. Con este investimento de 59.843,49 euros que executa a empresa Setga, o Concello quere seguir estendendo os estándares de calidade lumínica a todas as rúas da cidade, xa que aínda quedan espazos pendentes de instalar luminarias leds.

Nesta ocasión tócalle á centrica praza e os seus aledaños. Na praza de Barcelos está previsto substituír os farois situados ao carón do muro de peche do mosteiro de Santa Clara, para instalar unhas farolas similiares ás da avenida de Bos Aires. No resto da praza cámbianse os brazos actuais de fachada por outros de inox. E tanto nos novos farois como no resto da praza, instalarase tecnoloxía led.

Esta mellora estenderase á rúa Rouco onde tamén está previsto substituír os brazos de fachada por outros de inox e colocar leds.

Nas rúas Perfecto Feijoo e Pai Fernando Olmedo está proxectado cambiar as luminarias. No caso de Perfecto Feijoo completará a intervención programada co proxecto de reforma da rúa Cruz Vermella; e en Pai Fernando Olmedo farase até entroncar coa rúa da Seca, onde o Concello inicia nestes días a reforma da rúa, e que completa traballos de reordenación do tráfico no cruzamento con Casimiro Gómez.

Con este proxecto, tamén se acondicionan as liñas, soportes e reparación dos cadros eléctricos, seguindo a normativa vixente.

Nesta actuación está substituiranse 68 luminarias de 275 W por outras tantas led de 90 W. Na actualidade o consumo é de 78.600kWh/ano cun gasto duns 13.400 euros/ano. A nova tecnoloxía terá un consumo eléctrico de 25.700 kWh/ano e un gasto de 4.365 euros/ ano, é dicir, supón un aforro enerxético de 52.900 kWh/ ano e de 9.035 euros/ano.

O progresivo investimento do Concello en tecnoloxía led permite a redución das emisóns de CO2 á atmósfera, mellorar a eficiencia enerxética da cidade e aforrar consumos de electricidade ás contas municipais que neste caso será arredor do 60%. De feito, o aforro global (enerxía + mantemento) está estimado en 10.515 euros/ano.

De cara a finais de xullo, o Concello tamén ten previsto levar led á rúa Palamios (dende a avenida Raíña Vitoria ate a rúa dos Peiraos, incluída), así como substituír as situadas diante da praza da Audiencia.

Ao mesmo tempo, segue a traballar en dotar desta nova tecnoloxía a todas as parroquias do rural. Xa está practicamente rematada a substitución de todas as luminarias de Ponte Sampaio e Canicovua, e en breve comezarase en Bora. O investimento para dotar de tecnoloxía led a estas tres parroquias supera o medio millón de euros.