A Illa do Cobo acolle o vindeiro 15 de setembro o Festival do Leite

123
    • A terceira edición deste festival promovido pola cooperativa gandeira Deleite, traerá á cidade do Lérez a primeiras figuras da música galega.
    • Deleite destaca o rexurdimento cultural da cidade e a excepcional paraxe da Illa para escoller a Pontevedra como escenario desta terceira edición.

A Illa do Cobo acollerá ao vindeiro 15 de setembro o Festival do Leite, promovido pola cooperativa gandeira Deleite na cidade de Pontevedra. Así o confirmou esta mañá Pedro González, representante de Deleite ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores nunha reunión que mantiveron no Concello.

Deleite é unha cooperativa na que os gandeiros galegos comercializan directamente o seu leite. Naceu en 2016, ano no que tamén puxeron en marcha este Festival do Leite, ao decatarse de que en Galiza existían máis de 200 festas gastronómicas pero ningunha delas vinculadas ao sector, que ten máis de 10.000 microempresas, máis de 360.000 vacas e supón o 40% do sector lácteo español.

O primeiro Festival de Deleite celebrouse en Santiago “en desagravio por ter sufrido todas as manifestacións do sector no pasado”, dixo Pedro González, e en 2017 na cidade de Lugo, principal provincia produtora.

“Tiñamos especial interese en vir a Pontevedra polo rexurdimento cultural que está vivindo a cidade; e porque ten a mellor paraxe para celebrar o Festival do Leite que ten un marcado carácter familiar, onde se departe e comparte todo o día”, explicaba Pedro González, quen tamén destacou a “amabilidade e interese que atopamos no Concello cara a proposta, e que responde ás expectativas que tiñamos depositadas en Pontevedra”.

No Festival participarán grupos galegos ou vinculados a Galicia “xa que queremos potenciar a escena musical e cultural de Galicia”, dixo González. Serán grupos punteiros, que marcan a tendencia musical en Galicia, como xa se ten dado noutras edicións nas que participaron A familia Caamagno, Novidades Carminha, Siniestro Total ou Caxade, entre outros.

O cartel darase a coñecer en vindeiras datas.

O alcalde amosouse “encantado” de recibir esta proposta musical que será un peche perfecto para as festas do verán, despois da Feira Franca. De feito, apuntou que se o festival, nalgún momento, deixa de ser itinerante polas cidades galegas, Pontevedra estaría encantada de acollelo permanentemente.