Abre a rúa dos Campos e pecha a Pomba polo soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro

16

    • O novo peche será a partir do luns, 9 de xullo, dende as 10.00 horas.
    • Retómase a circulación ao barrio de Monte Porreiro por os Campos e Santa Margarida.

A obra de soterramento da liña de alta tensión do barrio de Monte Porreiro segue avanzando. Se nas pasadas semanas os traballos se centraban na rúa dos Campos, a partir do luns, 9 de xullo, o proxecto avanza un chanzo para situarse na rúa da Pomba, que terá que pecharse ao tráfico.

A través do departamento da Policía Local, o Concello elaborou un plan de tráfico para esta nova fase de obras que se porá en marcha ás 10.00 horas, e suporá o peche dos dous carrís de circulación da rúa da Pomba durante unhas tres semanas, aínda que non se pode determinar o prazo de duración.

O avance das obras tamén supón a apertura da rúa dos Campos –onde estiveron traballando estas semanas- restablecendo o acceso ao barrio de Monte Porreiro por esta rúa e por Santa Margarida.

O peche, os cambios de tráfico e as alternativas de mobilidade na zona estarán indicadas nas vías de acceso a rúa dos Campos.

O Concello mantén o compromiso cos veciños de Monte Porreiro e coa empresa Fenosa, encargada do soterramento, xa que a baixada da liña de alta tensión é unha demanda histórica do barrio. Ademais de colaborar no proxecto inicial creando a canalización dende o barrio até o río, o Concello continúa dando o apoio loxístico á obra para que discorra nos tempos previstos e poida rematarse cara final deste ano ou primeiros de 2019. Os traballos se centran en 1,8 quilómetros, dos cales 700 discorren polo barrio, e suporá a eliminación de 8 torres de alta tensión.