Comeza a instalación de iluminación led na rúa Palamios e na desembocadura do Gafos

21
    • Empezou hoxe a substitución dunhas luminarias en Raíña Victoria -no lateral da Audiencia- que aínda non eran led. A continuación trasladaranse a Palamios.
    • Substituiranse 32 puntos de luz.

O Concello de Pontevedra iniciou hoxe a instalación das novas luminarias nunha parte de Raíña Victoria, Palamios, San Roque de Abaixo e Ribeira dos Peiraos. Trátase de substituír as actuais luminarias por outras de tecnoloxía led.

A empresa Setga será a encargada da substitución que ten un orzamento de 28.550,14 euros, e tardará da orde de dúas semanas en facer todos os traballos que comezaron por Raíña Victoria nun tramo que carecía desta tecnoloxía. En concreto, está traballando no lateral da Audiencia. A continuación se trasladará á rúa Palamios, ao carón do IES Sánchez Cantón.

O obxectivo é cambiar os 32 puntos de luz da zona cunha potencia de 275 W por iluminación led cunha potencia de 78 W, para mellorar a eficiencia enerxética e aforrar no consumo eléctrico á vez que se contribúe a reducir as emisións globais de CO2. Tamén se acondicionan as liñas, soportes e se reparan os cadros eléctricos, seguindo a normativa vixente.

Segundo os cálculos municipais, agora o consumo era de 36.960 kW/ano, cun gasto de 6,280 euros/ano. Coa nova iluminación o consumo  será de 10.400 kW/ano, e o gasto enerxético de 1.750 euros/ano.

O aforro de consumo, polo tanto, será de 26.560 kW/ano, é dicir, dun 72%, cun aforro enerxético de 4.530 euros/ano.

Cabe lembrar que o Concello xa rematou de instalar nestes días esta mesma tecnoloxía na praza de Barcelos, onde tamén cambiou os farois do muro de Santa Clara, así como das rúas Perfecto Feijoo, Fernando Olmedo e Rouco.