A reforma do cruzamento de Casimiro Gómez con Fernando Olmedo, remata co pavimentado de todo o ámbito

46
    • Os traballos comezan mañá, ás 09.00 horas, co fresado do cruce. E continúan mércores e xoves coa pavimentación. Nestes dous últimos días será preciso pechar as rúas que irán abrindo unha vez que rematen as obras.
    • Garántese, sempre, os servizos e os accesos a garaxes.

Os traballos de reforma do cruzamento entre Casimiro Gómez, A Seca, Fernando Olmedo e Camiño Vella de Castela, rematarán esta semana co asfaltado de toda a zona na que se traballou. Seguidamente, a empresa E.C.Casas, encargada da reforma, continuará coa reforma da rúa da Seca (até o cruce con José Malvar), que se está a desenvolver nestas semanas.

O plan de asfaltado desenvolverase en tres días: martes, mércores e xoves. Comeza mañá, ás 09.00 horas co fresado de todo o ámbito no que se actuou. Durante o fresado poderán sucederse peches puntuais do tráfico, pero garántese o acceso a servizos e garaxes. E non está previsto ningún peche da rúa.

O mércores os traballos de pavimentación chegan a Fernando Olmedo e Casimiro Gómez. Neste día, si está previsto o peche destas rúas ao tráfico (agás veciños e servizos) e tamén se desviará a parada de autobús a Monte Porreiro. Ao remate das obras dese día, volverase a abrir ao tráfico.

O xoves rematará o asfaltado coa pavimentación do tramo da rúa da Seca afectado por esta obra. Esta xornada si está previsto o peche da rúa ao tráfico. Aos veciños autorízaselles saír dos seus garaxes, pero non poderán volver a transitar pola rúa até que remate o asfaltado, que pode ser ao longo da mañá.

O proxecto

O proxecto de reforma do cruce de Casimiro Gómez consistiu na eliminación do estacionamento indiscriminado que había nesta confluencia de rúas. Ao reordenar o espazo, creouse unha nova praza, así como prazas de estacionamento perfectamente sinalizadas e circuítos peonís seguros. A intervención tamén permite a canalización dos tráficos de Casimiro Gómez e Fernando Olmedo ben cara a Seca ben cara ao Camiño Vello de Castela, que con esta reforma cambiou de dirección.

Foi a empresa E.C.Casas a adxudicataria por 83.017 euros.

Ao mesmo tempo, tamén E.C.Casas continúa coa reforma da rúa da Seca, no seu primeiro tramo até José Malvar, onde está previsto deixar un carril de circulación e outro de estacionamento, e ampliar as beirarrúas. O orzamento é de 170.525 euros.