Comezan as obras de seguranza viaria fronte ao colexio Marcos da Portela

44

    • Iniciáronse esta semana e está previsto que para o inicio do curso estea construída a nova beirarrúa de entrada ao centro de ensino, na rúa Suecia, de Monte Porreiro

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana o proxecto de mellora da mobilidade peonil e calmado de tráfico na rúa Suecia, no barrio de Monte Porreiro, onde se atopa o centro de ensino Marcos da Portela. O proxecto pretende garantir a seguranza dos escolares que acuden ao colexio camiñando.

A obra foi adxudicada á empresa Elsamex por 154.759 euros e ten un prazo de execución de catro meses. Trabállase por obxectivos, polo que de cara ao vindeiro curso que comeza a primeiros de setembro, preténdese que estea totalmente executada a beirarrúa situada ao carón do colexio.

O proxecto consiste na ampliación de beirarrúas, colocación de pasos sobreelevados, reducir a circulación a un carril de tráfico en sentido único e habilitar estacionamentos a ambos lados da rúa, facendo unha reserva para o centro de ensino.

Cabe lembrar que unha das prioridades do Goberno Local é acondicionar estes espazos urbanos para que os rapaces acudan aos centros de ensino con seguridade. Neste plan incluíronse actuacións no colexio de Salcedo, no de Lérez, A Carballeira de Lourizán, e con anterioridade outros como o de Ponte Sampaio. Está pendente a mellora da seguranza viaria no de Vilaverde, en Mourente, que se iniciará nas vindeiras semanas.