A Casa Verde acollerá unha oficina de información para impulsar a IXP Ribeiras do Morrazo

54

‣ O servizo, dirixido aos viticultores pontevedreses, abrirá as portas próximo luns 6 de agosto no local social de Salcedo

A aposta e compromiso do Concello de Pontevedra coa IXP (Indicación Xeográfica Protexida) Ribeiras do Morrazo da un novo paso coa apertura dunha oficina de información e asesoramento dirixida aos viticultores pontevedreses, aínda que atenderá tamén a viticultores de concellos de arredor. A oficina abrirá as portas o próximo luns, 6 de agosto, na Casa Verde de Salcedo.

O novo servizo foi presentado polos concelleiros de Promoción Económica, Anabel Gulías e Participación do Rural, Demetrio Gómez, ao carón de Guillermo Martínez, presidente da Federación de Loureiros; Roberto Rivas e Xan Bautista Cambón, da Asociación Galega de Viticultores.

“Apostamos poia IXP Ribeiras do Morrazo dun xeito sincero ao entender que estamos falando dun sector básico na Galiza, na economía do noso” sinalou a concelleira de Promoción Económica quen enmarcou o novo servizo no marco dun convenio de colaboración coa Deputación. Ofrecer información dos trámites a seguir, das vantaxes da inscrición no rexistro vitícola de Galiza ou sobre a recuperación das especies autóctonas do país, ademais de cuestións técnicas será o cometido da nova oficina que estará en funcionamento no local social de Salcedo.

O concelleiro de Participación agradeceu publicamente ás entidades sociais radicas e que usan a Casa Verde as facilidades que deren para a posta en marcha do servizo nestas dependencias.

Nos oito concellos da IXP Ribeiras do Morrazo -ademais de Pontevedra: Poio, Marín, Vilaboa, Moaña, Bueu, Cangas e Redondela- hai arredor 1.500 hectáreas de cultivo que poderían pasar a engrosar a IXP. É importante poñer en valor estas terras, facer en moitos casos unha reconversión varietal e cumprir co prego de condicións que acreditan a calidade e denominación da IXP Ribeiras do Morrazo, un selo de calidade que dará pulo ao viño desta zona.