Comeza a limpeza das canalizacións de pluviais dos paseos centrais da Xunqueira da Gándara

63

    • Está rematada a desmontaxe das pasarelas e paseos de madeira, que se reporán nas próximas semanas.

O proxecto de acondicionamento da Xunqueira da Gándara (Alba) comeza mañá unha nova fase de obra traballando nos paseos centrais, dende a Ponte das Correntes. Farase unha limpeza dos sumidoiros e canalizacións de recollidas de augas pluviais situadas no lateral dos paseos, ao carón do río Rons. Na actualidade, estas canalizacións están cubertas de terra e en gran parte do percorrido non se aprecian. A idea é limpalos retirando todo o xabre que os obstrúen e que poidan realizar a función para a que se instalaron.

Estas obras comezan unha vez que rematou a desmontaxe de todas as pasarelas e paseos de madeira, que se reporán nas vindeiras semanas, unha vez que a empresa reciba o novo material.

O proxecto de acondicionamento da Xunqueira da Gándara pretende facer unha intervención branda, pero integral, en todo o espazo protexido (é ENIL, Espazo Natural de Interese Local) preservando as súas características naturais pero mellorando os paseos, pasarelas, canalizacións de pluviais, miradoiro… Até o de agora facíanse traballos de mantemento en todo o espazo, sen facer intervencións de envergadura, precisamente, para non alterar o espazo protexido, pero é o momento de facer unha actuación máis ampla e integral para manter os elementos do entorno, algúns deles moi deteriorados.

Ademais de actuar nas pasarelas de madeira e nos sumidoiros, tamén se prevé reparar e lixar o mobiliario urbano (bancos), limpeza e pintado das fontes, recolocación dos paneis interpretativos, reparación das varandas metálicas…

A empresa adxudicataria é Naturgalia por un prezo de 184.735,57 euros e un prazo de execución de tres meses.