Prace-San Emeterio reconstruirán o Pavillón Multiusos da Xunqueira

22
  • O Concello aprobou esta adxudicación por 1,9 millóns e xa traballa acomodar ás entidades que empregan esta instalación.
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación á Unión Temporal de Empresas (UTE) Prace-Constructora San Emeterio da reforma do Pavillón Municipal Multiusos da Xunqueira por 1.947.164 euros. É o primeiro proxecto construtivo aprobado e adxudicado dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra.

Durante 4 meses a empresa terá que facer unha mellora integral destas instalacións deportivas, de feito, o portavoz do Goberno, Raimundo González explicou que se trata “non tanto dunha reforma como de facer un novo pavillón, porque só se conservan as paredes. Do resto, todo é novo”.

O proxecto do Multiusos era imprescindíbel porque o edificio está moi avellentado e precisa reformas con certa urxencia. Explicou que durante todos estes anos -o Multiusos inaugurouse a finais da década dos oitenta- fixéronselle traballos de mantemento tratando de alongar a súa vida útil, pero ultimamente presenta evidentes problemas estruturais, xunto a outros que obrigan a unha reforma integral.

O proxecto contempla conservar só a estrutura do edificio e derrubar o demais.

Comezando pola cuberta, refarase totalmente con illante térmico até o de agora inexistente e impermeabilízase dando solución aos problemas actuais de humidade. Só se manterá a grava actual sobre a cuberta.

Sobre o illamento térmico da instalación, lógrase cunha nova carpintería metálica e novo acristalamento específico para acadar ese illamento.

Instalaranse todos os servizos novos: electricidade, alumeado Led que permitirá poder practicar deportes nas dúas pistas de forma independente, fontanería, mellora do sistema antiincendios…

Tamén se renova todo o sistema de calor con novas caldeiras, sistema de quecemento de auga con placas solares, sistema de auga quente sanitaria, e sistema de auga fría.

Farase unha mellora integral da accesibilidade, eliminando as barreiras do edificio, instalando un novo ascensor, e construíndo aseos adaptados para o público, dos que agora carecen.

No tocante ás instalacións deportivas, está prevista a redistribución dos vestiarios de xeito máis racional e equilibrado, con novo mobiliario e equipamento interior. Tamén serán novas as pistas deportivas, xa que se retirará a actual soleira de formigón, instalarase unha nova, sobre a que se montará a nova superficie de xogo. Tamén disporá de novo mobiliario como banquiños e mesas de control, canastras de baloncesto e bancadas con cortina elevábel.

O portavoz do Goberno explicou despois da aprobación da adxudicación por Xunta de Goberno, hoxe mesmo os técnicos municipais mantiñan reunións coa empresa adxudicataria para abordar o inicio das obras canto antes.

Raimundo González adiantou que o inicio das obras do Multiusos terá unha afección importante para os clubs que alí adestran e tamén para o IES A Xunqueira II que o emprega para dar as clases de educación física. Polo que o Goberno está a traballar para buscar acomodo a todos os que empregan o pavillón, xa que segundo os datos do Departamento de Deportes o empregan arredor de 7.000 usuarios ao mes. Está aberto todos os días dende primeira hora até as doce da noite, agás os domingos pola tarde.

Fondos FEDER

O proxecto de reforma do Pavillón Multiusos da Xunqueira é un dos incluídos dentro da financiación dos Fondos europeos FEDER, xa que redundará na mellora do  desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).