O último filme de Agnés Varda, no Teatro Principal

44
  • “Caras e lugares”, un documental presente e premiado en nosprincipais festivais de cine e que foi nominado aos Oscar-2017
  • A exposición “Variacións ao redor do maar” da artista e cineasta francesa permanece aberta no Pazo da Cultura até a final de mes

A emotiva e brilante última película de Agnés Varda, “Visages, villages” (caras e lugares), será proxectada o vindeiro venres, día 10 de agosto, ás 20 horas no Teatro Principal, como complemento á exposición “Variacións ao redor do mar” que se mantén aberta todo este mes no Pazo da Cultura. Así o anunciaron a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e o director cultural do Campus Crea da Universidade de Vigo, Manuel Morquecho, que anunciou tamén que se publicará un amplo catálogo en papel da mostra desta creadora de 90 anos residente en París.

“Caras e lugares” foi filmada por Varda en colaboración co fotógrafo americano JR (Jean René), un novo pero brillante fotógrafo que empezou sendo grafitero nas rúas de París e chegou a expoñer nos mellores certames do mundo. Ambos fan unha viaxe pola Franza profunda, fuxindo dos tópicos turísticos e reflectindo as historias das persoas que se van atopando, que fotografían ante enormes retraros.

Foi un filme amplamente recoñecido, con varios trunfos en festivais e unha nominación ao mellor documental nos premios Óscar de 2017. Vardá non puido asistir ao xantar entre todos os nominados do premio, pero enviou un retrato seu de cartón e a tamaño natural.

Fouces fixo un breve percorrido polos éxitos de crítica e festivais da película, na que Agnés Varda transmite, “toda a súa forza vangardista, contemporánea e de vangarda, con asuntos de fondo calado social como o feminismo ou as situacións persoais, pero sempre cun profundo optimismo, cunha enorme alegría vitalista, como muller divertida que é”.

Baixo o título “Variacións ao redor do mar”, a mostra incluirá 9 instalacións videográficas, arredor de cen fotografiá s de distintas épocas e un ciclo de cinema no que poderá verse a súa última produción, “Rostros e lugares”, de 2017, ademais doutros filmes de distintas épocas.

A exposición “Variacións ao redor do mar”

A concelleira de Cultura ofreceu datos sobre a exposición “Variacións ao redor do mar” de Agnés Varda que ocupa a sala do Pazo actualmente.Cifrou os visitantes nunha media de 25 persoas ao día, a maioría delas mulleres, e subliñou o feito de que o 90% dos asistentes “se achegan adrede” a ver obra desta creadora de culto. Un interese que tamén amosa o feito de que os visitantes tardan de media máis de dúas horas en completar o percorrido da mostra.

O encargado cultural do Campus Crea, Morquecho, describiu a película como unha viaxe de profundo contido social, achegándose a barrios mineiros, estaleiros ou lugares históricos como as praias de Normandía. Tamén anunciou que en breve editarán en papel o catálogo desta gran exposición, grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra.

A mostra inclúe 9 instalacións videográficas, un cento de fotografías de distintas épocas e un ciclo de cinema no que está a proxección do próximo 10 de agosto.