Luz verde á contratación da reforma da rúa Benito Corbal

312
  • O proxecto está orzamentado 218.000 euros e as obras, que afectarán ao tramo que vai de Cobián Areal até Sagasta, terán un prazo de execución de 4 meses

A Xunta de Goberno local deu luz verde á contratación do proxecto de mellora de mobilidade (reforma) da rúa Benito Corbal, no tramo acoutado polas rúas Cobián Areal e Sagasta. A portavoz do Goberno local, Carme da Silva informou do inicio da tramitación dunha actuación orzamentada en 218.000 euros. A obra terá un prazo de execución de catro meses.

A ninguén se lle escapa, subliñou a concelleira, “o intenso tránsito peonil” da zona na que ademais se desenvolve unha intensa actividade comercial. Sen esquecer que é o tramo comprendido entre dúas área peonalizadas – o tramo Sagasta-Daniel de la Sota da propia rúa Benito Corbal e a praza do Hospital- o que convida a facer del unha via amable para as persoas.

Ampliar os espazos peonís, mellorar a mobilidade e seguridade das persoas e garantir o tráfico de servizos (carga e descarga, servizos, accesos a garaxes… ) son os obxectivos que hai detrás da reforma proxectada, que conta co consenso da veciñanza e comerciantes da zona.

Desbotada a plataforma única, óptase por un deseño que inclúe a ampliación de beirarrúas (pasarán de 3 a 4 metros de ancho) a supresión de prazas de aparcamento libres e a creación de prazas de servizos (un carril na marxe dereita).