Mellora da mobilidade peonil na N-550 na parroquia de Lérez

48
    • A petición dos veciños será atendida coa instalación de tres semáforos en distintos puntos desta estrada, a partir da rotonda coa avenida de Compostela.
    • A Xunta de Goberno tamén aproba o proxecto de demolición do Cuartel da Garda Civil, que ten un prazo máximo de execución de 6 meses.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o expediente para contratar tres pasos de peón semaforizados na estrada N-550 ao seu paso pola parroquia de Lérez. Trátase de facilitar a mobilidade peonil en ambas beiras desta vía, e atender ás peticións veciñais.

É unha estrada de Fomento, que non autorizou á instalación de pasos sobreelevados, pero si permite que o Concello instale semáforos para garantir os cruces dos veciños en tres puntos, todos eles pasada a rotonda da avenida de Compostela con Médico Ballina. Un dos puntos é o cruce do Ramallás coa Ferreira; outro en Casaldourado con A Cendona e un último punto á altura da marquesiña do transporte público.

O investimento municipal para facer este proxecto é de 208.000 euros.

Cuartel da Garda Civil

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta mañá o proxecto de demolición do vello Cuartel da Garda Civil, na rúa Casimiro Gómez. A empresa promotora que quere abrir na cidade un novo centro da terceira idade, ten un orzamento de 241.000 euros para a súa demolición.

O cuartel, que data de 1945, retírase na súa totalidade agás a faixa de pedra do soto e o primeiro andar, que se incorporará ao proxecto final. A parcela ten unha superficie de 1.786 metros cadrados, 4.400 metros construídos e un volume de 17.800 metros cúbicos.

O prazo máximo para executar este proxecto é de 6 meses.