O Plan de formación para o emprego avanza: oito cursos en setembro

96
  • Comezaron dous sobre Actividades auxiliares de almacén e o 10 de setembro arrancan dous de Monitor de ocio e tempo libre e dous de Atención sociosanitaria
  • Están dirixidos a mozos e mozas menores de 30 anos e inscritos no sistema de garantía xuvenil
  • O alumnado percibirá unha bolsa durante o tempo de formación 15 euros/días
  • O Concello traballa no recoñecemento do Pazo da Cultura como centro homologado para a formación laboral

O plan de formación laboral do Concello de Pontevedra está en marcha. Coa semana comezaron os cursos (dous) de Actividades auxiliares de almacén e na próxima semana, o día 10, arrancarán os de Atención á infancia, monitor de ocio e tempo libre e Atención sociosanitara a persoas dependentes en institucións sociais (dous para cada especialidade). As seis accións formativas súmanse aos seminarios en marcha (dous)  sobre Viticultura, enoloxía e cata.

O interese da Concellería de Promoción Económica, que dirixe Anabel Gulías, é que a formación impartida ao abeiro do Plan de Emprego municipal sexa un camiño, con posibilidades reais, cara ao mundo do traballo.

Todos os cursos van dirixidos a mozos e mozas menores de 30 anos e inscritos no sistema de garantía xuvenil. O alumnado destes cursos homologados e con titulación habilitante percibe unha bolsa durante o tempo de formación de 15 euros ao día, o que lles suporá 330-350 euros ao mes.

Aínda quedan prazas para estes cursos, as persas interesadas deben cubrir a seguinte SOLICITUDE: https://www.proxectoiles.eu/PONTEemprego/ILES_VI/Fichas_especialidades/Solicitude %20Cursos.pdf e adxuntar a documentación solicitada e presentala en ILES VI – CONCELLO DE PONTEVEDRA na Casa da Luz do Concello de Pontevedra, sito na Praza da Verdura – Pontevedra

Características dos cursos:

Actividades auxiliares de almacén. Dous cursos. 15 alumnos/as por curso. 370 horas (on line e presenciais, 220 máis 150 horas de práctica). Comezaron 3 de setembro

Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións socias. Dous cursos. 15 alumnos/as por curso. 530 horas de formación (on line e con clases presenciais, 370 horas teóricas máis 80 horas de prácticas). Comezan o 10 de setembro

Atención á infancia, monitor de ocio e tempo libre. Dous cursos. 15 alumnos/as por curso. 360 horas de formación (on line e presenciais, 210 teóricas máis 150 horas de prácticas). Comezarán o 10 de setembro

Viticultura, enoloxía e cata. 360 horas de formación. (presenciais, 210 teóricas máis 150 de prácticas). Comezaron o pasado 27 de agosto.

Paralelamente ao desenvolvemento das accións formativas do Plan municial para o emprego, o Concello avanza no expediente para o recoñecemento do Pazo da Cultura como centro homologado para a formación no emprego, unha tramitación na que están implicadas outras administracións. Os requisitos son moi esixentes: instalacións para formación teórica, dispoñibilidade de equipamentos para prácticas, espazos para dirección, orientación, etc…e a definición das familias profesionais coas que se pretende traballar.