O Concello adxudica de xeito provisional 59 hortos en Monte Porreiro e Finca do Conde

167

    • Ábrese o prazo de alegacións até o vindeiro martes, 25 de setembro.

Dende esta mañá pódese consultar nesta páxina web municipal pontevedra.gal o resultado do sorteo das hortas urbanas celebrado a pasada semana nas instalacións de Medio Ambiente Natural, no edificio Churruchaos.

Das 71 solicitudes individuais recibidas, adxudicáronse 22 hortos en Monte Porreiro (todos os que saían a concurso) e 37 na Finca do Conde, quedando neste último caso unha lista de agarda de 11 persoas.

A partir da publicación destas listaxes, ábrese o prazo de alegacións que poderán facerse a través da Sede electrónica ou ben presencialmente no Rexistro xeral do Concello. O prazo para alegacións rematará o día 25/09/2018.

Celebrarase unha reunión informativa á que deberán acudir todos os adxudicatarios no Centro Social Gorgullón, sito na rúa Curtidoira Nº1 o día 28/09/18 ás 20:30h.

Todos os adxudicatarios actuais deberán recoller as súas ferramentas, utensilios e produtos da horta antes do 15 de outubro, xa que dende esa data comezarán os traballos para mellorar os bancais.

Cabe lembrar que o Concello de Pontevedra realizou durante os pasados meses un proceso de reformulación das hortas urbanas municipais para darlles unha articulación legal máis acaída e unificalas no departamento de Medio Ambiente, xa que, até o de agora, a Finca do Conde a xestionaba Igualdade.

A concesión será por dous anos prorrogables a outros dous, e a obrigada carencia de dous anos antes de poder volver a iniciar o proceso de concesión.