O mundo mira a Pontevedra

18

    • A reportaxe publicada no xornal británico The Guardian, desperta o interese de grandes medios internacionais no modelo urbano da cidade do Lérez

A reportaxe do xornalista e escritor británico Stephen Burgen en The Guardian, publicada este mércores, está resultando “un salto adiante na proxección internacional da cidade”, explicou esta mañá o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores quen relatou as distintas solicitudes de entrevistas e visitas á cidade que se producirán nos vindeiros días. Especialmente destacou o posicionamento de Pontevedra na prensa xeralista anglosaxona, un sector que se resistía até o de agora, e que dende a publicación en The Guardian puxeron os ollos en Pontevedra, como a principal axencia de noticias do mundo, a norteamericana Associated Press.

“Estamos orgullosos da repercusión e seguiremos traballando para estar na cresta da ola”, explicaba Fernández Lores quen lembrou que “a cidade tivo un salto cualitativo e cuantiativo cos recoñecementos internacionais que nos poisicionaron en sectores profesionais especializados, pero este artigo fíxonos dar un salto a número impresionante de cidadáns de todo o mundo, que coñecen Pontevedra e coñecen o traballo feito en prol da calidade de vida. E todo isto, inxerido no gran debate mundial de a onde queremos que vaian as cidades”.

Segundo a información falicitada polo propio xornalista, un millón de persoas abriron a reportaxe sobre Pontevedra, que tivo máis de 5.000 rechíos. “Incluso a eles resultoulles sorprendente que tivese tanta repercusión”, explicaba o alcalde.

Esta repercusión estase materializando en diversas peticións de entrevistas, reportaxes que están achegando ao Concello. Entre elas está a petición de Associated Press de facer unha reportaxe de video para a vindeira semana; petición de entrevista coa radio pública norteamericana (o contacto é coa productora en Boston) NPR; unha petición de entrevista do xornal chileno La Tercera, ou unha entrevista xa realizada no transcurso desta mañá con Radio Universidad Nacional de Colombia.

Tamén hai contactos cos medios estatais como Televisión Española (Informe Semanal e España Directo) ou El Mundo.

As repercusións nos medios de comunicación nestas 48 horas foi moi elevada constatando publicacións en medios internacionais como Clarín (Arxentina), Público (Portugal), outros máis especializados como UrbDeZine (con sede en San Diego) Tirana post,… e tamén en medios estatais como La Sexta, Antena 3, Huffington Post, La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra, Pontevedraviva, Faro de Vigo, Canal Rías Baixas, Onda Cero, Cadena Cope, Radio Galega, Canena Ser,…

“Aspirabamos a traballar nesta liña. Había cidades con grandes proxectos e logo pasámoslle pola esquerda a todos porque somos un referente mundial. Non esperabamos chegar a ese nivel, pero éncheme de orgullo que foramos capaces de facer unha transformación da cidade, dende aquí”, indicaba Lores, quen aseguraba que “a parte do proxecto político, houbo un acompañamento dunha grande maioría da población que fixo posible esta proxección da cidade. Creo que esto inevitablemente nos ten que traer retornos”.