Pontevedra será o escaparate do modelo de xestión da auga do século XXI

80

    • O alcalde afirma que a sinatura do novo contrato “suporá un incremento da calidade e da cantidade do servizo”, que se mellorará con 500 novas propostas.
    • Viaqua, a adxudicataria, quere facer de Pontevedra o escaparate do modelo de xestión da agua do século XXI para outros concellos do Estado.

Pontevedra asinou esta semana o novo contrato de abastecemento de auga e de saneamento municipal coa empresa Viaqua, gañadora co concurso público tramitado durante, case, dous anos. A sinatura oficial fixérona o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o responsable de Viaqua Julio Armando Masid no Concello de Pontevedra.

O alcalde dixo que “estamos contentos con este contrato dado que supón un incremento da calidade e da cantidade do servizo”, de feito agradeceu “o esforzo” da empresa para presentar esta oferta económica xa que suporá “un salto adiante e unha mellora substancial do servizo en beneficio dos pontevedreses”. Tamén adiantou que “será un exemplo de contrato con nova tecnoloxía, melloras importantes na calidade do servizo, e ofrecendo unha auga de gran calidade a un prezo razoable, competitivo e o máis barato por habitante de todas as cidades galegas, independentemente de que o servizo sexa público ou privado”.

Ademais dos investimentos propostos pola empresa para completar todo o saneamento do rural e dotar de auga a todas as parroquias do sur do concello -valorado en 58 millóns de euros que haberá que executar en 3 anos-, o contrato tamén inclúe outras melloras non menos importantes como traballar no aforro enerxético coa instalación de leds, construír una minicentral eléctrica, mellorar o control do encoro de Pontillón, controlar as 240 fontes do municipio, cobrar ao consumidor por metro cúbico de auga consumida…

Pola súa banda, o responsable de Viaqua, Julio Armando Masid, asegurou que a sinatura deste contrato “é a consecución dun reto”. De feito, afirmou que “en Pontevedra temos un gran servizo de auga e saneamento, e para manter o nivel nos vindeiros 20 anos había que reinventarse”.

Recoñeceu que “quixemos facer un esforzo no económico e na oferta técnica propoñer un novo modelo de xestión sustentábel de servizo da auga”. E completou que ás máis de 500 melloras que propuxeron na súa oferta “queremos que sexa o noso escaparate de modelo de xestión deste século XXI de cara aos novos concellos”.

Agradeceu ao Concello terse sentido “ben recibido, e somos conscientes do nivel de esixencia que imos ter, pero encantados de facelo aquí en Pontevedra”.