Lores: “Os novos xulgados terán que ser un emblema para a cidade”

45

    • O alcalde acompaña a Feijóo na visita ás obras do novo edificio.
    • O Concello participou no proxecto coa expropiación dunha parcela de máis de 6.600 euros por valor de 1,3 millóns.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañou esta mañá ao presidente da Xunta, Alberto Núñez, na visita á execución do edificio dos novos xulgados de Pontevedra, na rúa das Hortas. O alcalde recoñeceu que a construción do edificio “era unha necesidade para Pontevedra, e parece que estamos vendo a luz ao final do túnel”. Con esta nova edificación, “teranse resolto os espazos para a administración de Xustiza na capital da provincia por moitos anos”, asegurou Lores.

Tamén confía en que o novo inmoble xudicial “ten que ser un edificio emblemático para a cidade con todas as comodidades que require a administración de xustiza”.

O Concello de Pontevedra atendeu dende o principio as necesidades do mundo da Xustiza na cidade que reclamaba a creación dun novo edificio para unha prestación cómoda e con garantías. No ano 2012 o Concello de Pontevedra cumpría a súa parte do acordo administrativo asinado dous anos antes coa Xunta, de pór a disposición da administración autonómica os terreos expropiados onde hoxe se empeza a levantar o edificio xudicial. Son 6.651 metros cadrados polos que o Concello pagou 1,3 millóns de euros.